amperimetría

amperimetría

(< ampere + -metría)

s f [QUÍM]

Método de análise química derivado da polarografía que consiste esencialmente nunha técnica instrumental para determinar o punto final de volumetrías. Mídese a variación da intensidade da corrente de difusión polarográfica en función do volume de solución de reactivo valorante adicionado dende un contagotas; as medidas realízanse cunha voltaxe aplicada constante. É un método útil cando só é electroactiva a substancia problema, ben cando só é electroactivo o reactivo valorante, ou ben cando os dous son electroactivos. O método pódese aplicar a todos os tipos de volumetría e, especialmente, aos baseados en reaccións de precipitación. Polo xeral, utilízase un só electrodo polarizable, pero pódense utilizar tamén dous electrodos polarizables, entre os que se aplica unha voltaxe constante relativamente pequena. Neste caso o método recibe o nome de biamperométrico.