anais
(< lat annālis
-
s
m pl
Exposición de feitos históricos concretos, de forma breve e seguindo unha orde estritamente cronolóxica. Un dos máis antigos anais coñecidos procede da biblioteca de Assurbanipal. Empregados en Grecia e Roma, os Pais da Igrexa transmitíronos á Idade Media, sobre todo a través de Eusebio de Cesarea, que ten unha obra que vén sendo unha ciencia eclesiástica dende a creación ata o 325 d C (foi traducida ao latín e prolongada ata o 378 por Xerónimo e, ata o 469, por Próspero de Aquitania e Idaci). Na Alta Idade Media, a referencia cronolóxica dábana as táboas de Páscoa, ilustradas con breves noticias de feitos diversos: sucesións de príncipes, bispos ou abades, batallas ou sucesos curiosos referentes a unha rexión ou localidade. Desde o s VIII os anais independizáronse das táboas de Páscoa e adquiriron unha forma máis evolucionada, cunha mellor disposición esquemática. Xurdiron as grandes familias (stemma) do ciclo carolinxio, e produciuse a forma narrativa dos grandes mosteiros, ata a metade do s XIII, no que foron abandonadas e adaptadas nada máis que como instrumento auxiliar. Por outra banda, o sistema de anais aparece axiña na historiografía chinesa xuntamente coas coleccións de parlamentos tales coma os conservados nos Shujing. Da época zhou (ss XI-XIII a C) consérvanse os clásicos Chungiu (Anais de primavera e otoño), escritos por Confucio, referidos ao estado de Lu, e os Zhushu jinian (Anais de bambú), referidos ao estado de Wei. Presentan unha cronoloxía diverxente e as figuras lendarias non reciben un especial tratamento. O laconismo, en xeral, dos anais, fixo necesaria a adición de comentarios. Dos tres canónicos do Hungiu, o máis importante, Zuozhuan, chegou ata nós nunha refundición. A gran historia de Sima Qian, Shiji, que significa a consagración dos anais, consta de cinco seccións, a primeira delas é unha histórica en anais da China ata o ano 100 a C, división que foi a modelo para todas as historias dinásticas posteriores (vintecatro en total), comezando pola Han Shu de Ban Gu. A primeira historia estritamente referida a anais é a de Xin Yue (s II d C) feita sobre o Han Shu, crónica breve, pero con comentarios. As dificultades inherentes a unha estrita orde cronolóxica son patentes na gran compilación de Sima Guang, Zizhi tongjian. A pesar da importancia dos anais chineses, as súas intencións moralizantes escureceron frecuentemente a comprensión da realidade.
Confrontacións: crónica, fastos. -
s
m pl
Revista, xornal ou publicación semellante de carácter anual.
Ex: Publicaron xa os anais de literatura.
Confrontacións: anuario, boletín.