andalusí
(< topónimo Al-Andalus)
-
adx
-
Natural de Al-Andalus.
-
Relativo ou pertencente a Al-Andalus ou aos seus habitantes.
-
-
s
Habitante de Al-Andalus.
-
arte andalusí
[ARTE]
Arte desenvolvida en Al-Andalus. Tivo unhas características propias dentro da arte do Islam, malia que seguiu as súas directrices fundamentais e mantivo estreitas relacións cos núcleos creadores orixinais en Siria. A finais do s VIII iniciouse a construción da mesquita de Córdoba, que se afasta das orientais e presenta novas solucións arquitectónicas. A amplicación desta mesquita no s IX, promovida por ‘Abd al-Rahmán II, e monumentos como a mesquita de Tudela (Navarra), amosan xa unha forte evolución estética. O s X representou a culminación artística da época chamada califal, seguida do período das Taifas (s XI), que mostra a diversidade da arte islámica peninsular, particularmente en Toledo (Mezquita do Cristo da Luz), Zaragoza (Palacio de la Aljafería), Málaga, Granada, Almería e Xátiva. Os almorábides (1090-1150?) achegaron diferentes novidades na estrutura das súas mesquitas e semellan ser desta época os restos dun pequeno Palacio en Monteagudo (Murcia). Son escasos os monumentos do período dos almohades (1159?-1212), que perfeccionaron a arte da fortificación e tenderon á sobriedade e á simetría. A súa obra máis importante foi a mesquita maior de Sevilla, da que subsisten boa parte do patio e o minarete (A Giralda). En Sevilla atópanse tamén desta época os restos dun pazo no Alcázar, con solucións decorativas no exterior que se estenderon na variada arte mudéxar aragonesa, castelá ou andaluza, como tamén pasou na etapa nazarita de Granada.
-
literatura andalusí
[LIT]
Literatura árabe de Al-Andalus. A partir do s XI conxugou diversos estilos individuais, que lle deron fisionomía propia no marco da literatura árabe. Na poesía atópanse dúas tendencias: a clásica e a popular. A poesía clásica tiña unha soa forma estrófica, a casida. Mal coñecida nos dous séculos iniciais de formación, aparece xa perfecta no s X, no que viviu ibn Darrāǧ al-Qastallī, un dos mellores poetas andalusís. O momento do máximo apoxeo sitúase no s XI coa academia literaria de Sevilla, encabezada polo rei-poeta Mu’tamid ibn ‘Abbā. A chegada dos almorábides significou o declive da poesía clásica, pero a escola levantina acadou un resplandor extraordinario cos paisaxistas ibn Hafāǧa de Alzira e o seu sobriño ibn al-Zaqqāq. No s XIII, a decadencia da poesía foi case total, agás casos illados como foron Ibrā-hīm ibn Sahl e ibn Marǧ al-Kuhl de Alzira. O último gran poeta foi al-Qaysī, prisioneiro dos Reis Católicos. A poesía popular manifestouse en dúas formas estróficas, a moaxakha e o zaxal, de métrica silábica, que inclúen un estribillo (kharxa) en lingua romance, e admiten diversas combinacións. A moaxakha, escrita en árabe clásico, coñécese dende o s IX, mentres que o zaxal, posterior e escrito en árabe dialectal, é unha composición para ser cantada. A prosa de Al-Andalus ten menos interese que a poesía. Un dos mellores prosistas foi o polígrafo ibn Ḥazm, autor do Ṭawq al-hamāma, delicado libro sobre o amor, escrito no ano 1023. No campo da historia cómpre salientar a ibn Bassam, ibn Hāqān, ibn Sa’īd al-Maḡribī; os biógrafos ibn Baškuwāl, al-Ḋabbī, o valenciano ibn al-Abbār e al-Ḥumayddī de Mallorca e, en narracións xeográficas, os valencianos ibn Gubayr e al-’Abdarí. Dentro desta prosa utilitaria, cómpre mencionar o filólogo ibn Sida de Murcia, que foi o primeiro autor andalusí dun dicionario ideolóxico da lingua árabe. O máximo comentarista de Aristóteles foi Averroes. A prosa dos místicos acadou unha grandísima calidade: é o caso de ibn ‘Arabí de Murcia, co que se relaciona a obra de Ramón Llull. Unha manifestación da literatura dos musulmáns andalusís é a alxamiada, en caracteres árabes pero en lingua romance, empregada polos mouriscos, que se prolongou ata o s XVII e continuou entre os mouriscos establecidos no norte de África.
-
música andalusí
[MÚS]
Música desenvolvida en Al-Andalus. Foron famosos os cantores e instrumentistas orientais que actuaban na Corte dos omeias, pero o pulo musical decisivo débese a Ziryab, poeta e filósofo de Bagdad, que chegou a Córdoba no 822. Foi o creador da escola andalusí, que deu algúns teóricos importantes, e dun repertorio con catro modos fundamentais e os seus derivados, que deron orixe ás 24 nuba andalusís, forma paralela das grandes suites vocais instrumentais. No s X, a Corte omeia resplandeceu cun gran luxo musical. Os instrumentos máis usados foron o laúde e a guitarra mourisca. Ao se descompoñer o Imperio, case todos os Reinos de Taifas tiveron conxuntos de músicos e cantantes. Durante os cinco séculos de permanencia na Península Ibérica, a evolución estrófica da música andalusí mostrou un retorno ás formas populares autóctonas, coñecidas como: a moaxakha (do s IX) e o zaxal (do s XII).