anticipación
(< lat anticipatiōne)
-
s
f
Acción e efecto de anticipar ou anticiparse.
-
s
f
[FILOS]
Segundo os epicúreos a prolepse (nome grego con que denominan á anticipación) é unha imaxe ou pensamento do xeral que se dá espontaneamente coa percepción do particular, serve para detallar despois o seu coñecemento. Entre os estoicos designaba as ideas xerais e precisas, sobre todo aplicándoo ao coñecemento natural do absoluto, que se anticipa a calquera outro. Francis Bacon dálle o nome de anticipacións da natureza ás xeneralizacións realizadas sobre a base dun número pequeno de feitos que se consideraban verdadeiros. Kant chamou anticipacións da percepción a certas aplicacións xerais das categorías do entendemento aos datos da sensación. Os lóxicos denominan anticipación da experiencia á hipótese.
-
s
f
[LIT]
Figura retórica argumentativa mediante a que unha persoa que fala refuta de antemán as obxeccións que se lle poidan facer, deixando deste modo sen argumentos ao adversario.
Sinónimos: prolepse. -
s
f
[MÚS]
Nota que soa antes do acorde ao que pertence.
-
s
f
[PSIC/ESOT]
Fenómeno psíquico en virtude do cal o suxeito vive imaxinativamente o futuro.
-
s
f
[TECNOL]
Nun proceso de mecanización con mando numérico, procedemento que permite eliminar o exceso de percorrido do órgano móbil (por exemplo, a táboa dunha máquina de traballo) por mor da inercia.
-
anticipación articulatoria
[LING]
Tendencia dos órganos de fonación a adoptar, durante a emisión dun fonema, as condicións favorables de emisión, tensión e movemento do fonema seguinte en todos os tipos de secuencia fónica.
-
anticipación de funcións públicas
[DER]
Delito consistente no exercicio dun cargo ou función pública sen ter dado fianza ou sen ter feito o xuramento ou promesa establecido legalmente; tamén incorre neste delito o funcionario público que admite no exercicio do cargo a quen non cumpriu as formalidades indicadas.
-
anticipación sintáctica
[LING]
Fenómeno que se produce cando un elemento que pertence a unha unidade sintáctica se sitúa nunha anterior, non podendo, daquela, aparecer un substituto (pronome ou adverbio).
Ex: Ós Ancares, non podemos ir (e non podemos dicir * Ós Ancares, non podemos ir alí).
Sinónimos: prolepse. -
literatura de anticipación
[LIT/ESPECT]
ciencia fición.