anticlericalismo

anticlericalismo

(

s m [POLÍT/SOCIOL]

Actitudes ou opinións que demostran animadversión cara ao clero ou son contrarias á inxerencia da Igrexa en asuntos da vida civil. Malia que o anticlericalismo é unha práctica que xorde no ambiente intelectual dos ilustrados decimonónicos, algunhas manifestacións medievais e modernas, como os fabliaux franceses, as sátiras de Boccaccio ou o Libro del buen amor do Arcipreste de Hita, poden ser consideradas tamén baixo esta perspectiva. Un precusor moderno do anticlericalismo é Erasmo de Rotterdam, quen conecta coa antedita tradición medieval, á que lle engade, alén da simple denuncia da corrupción nos costumes dos relixiosos, un afán reformista. Non obstante , foi Voltaire quen deu corpo doutrinal a esta corrente anterior (unificando o indutivismo de Locke, a física de Newton e, sobre todo, a psicoloxía sensorialista de Locke) e a situou no ámbito político. Dende 1740, Voltaire defendeu a tolerancia relixiosa; o seu lema Ecrasez l’infâme! (Destruíde a infamia!) vai dirixido xustamente contra o fanatismo, a intolerancia e a superstición, habilmente estruturadas polo poder do clero organizado. Pero Voltaire non atacou só á Igrexa Católica, senón toda a visión tradicional cristiá do mundo. Neste sentido, o anticlericalismo é unha manifestación máis da oposición ao Antigo Réxime e dirixíase, sobre todo, contra o clero regular e contra os membros da xerarquía eclesiástica: expropiación das riquezas acumuladas polo clero, desamortización das propiedades e bens inmobles, modificación da organización eclesiástica, etc. Aínda que estes trazos se poden observar en todos os países onde houbo unha confrontación entre os defensores do Antigo Réxime e a nova orde burguesa (Francia a partir da Revolución de 1789, España entre 1812 e 1874), o anticlericalismo exprésase dun xeito particular en cada país. En Francia, onde a división entre a Igrexa e o Estado se definiu plenamente dende un primeiro momento, o anticlericalismo chegaba tamén á oposición á docencia ou beneficencia eclesiástica. En Inglaterra, debido a que o anglicanismo reformara xa no s XVI o réxime de vida do clero, o anticlericalismo non chegou a manifestarse politicamente durante os ss XIX e XX. En Alemaña limitouse basicamente á crítica intelectual defendida pola Kulturkampf; sen embargo, durante o dominio nazi, o anticlericalismo manifestouse na persecución de líderes relixiosos e eclesiásticos. En Italia, debido ao proceso de unificación, a máxima expresión do anticlericalismo atópase na reivindicación territorial do Estado Pontificio. En España, o anticlericalismo é fundamentalmente político. A práctica política do Trienio dos Liberais (1820-1823) fixou as actitudes políticas que durante o s XIX seguiron os liberais e a Igrexa: os primeiros, defenderon a desamortización eclesiástica, a redución do número de conventos, a redución de bens, etc; os segundos, decantáronse polo absolutismo como medio para defender os seus privilexios. Esta identificación, motivou a radicalización do sentimento anticlerical por parte liberal e a súa definición en termos políticos; así mesmo, a postura oficial da Igrexa durante as revoltas sociais de 1854, 1868 e 1873, configuraron na mentalidade colectiva a Igrexa como unha forza política máis que durante a Restauración se define como unha institución oposta á progresiva democratización da sociedade civil, o que procura evitar organizando as clases populares a través do sindicalismo católico. O s XX principia cun corpo doutrinal moi definido, tanto no ámbito anticlerical (liberais, republicanos, federalistas, socialistas, anarquistas) como na dereita católica máis conservadora. Deste xeito, o reinado de Afonso XIII (1902-1931) é de gran violencia anticlerical. Durante o s XIX o anticlericalismo manifestouse do mesmo xeito en Galicia que no resto do Estado; sen embargo, cómpre sinalar a postura da intelectualidade galega do Rexurdimento (Curros Enríquez ou Leiras Pulpeiro, que recollen un sentimento popular que de xeito anónimo se expresa a través de cantigas, refráns e outras formas de tradición oral) e dos científicos da Universidade (González de Linares, Lois, etc), que adoptan posturas e actitudes claramente anticlericais. A Segunda República, oficialmente laica, facilitou a laicización da sociedade (nacementos, matrimonios, falecementos, ensino e cultura, ocio e divertimentos); sen embargo, atopou na cuestión relixiosa a fronte onde colisionaron, ás veces violentamente, as manifestacións máis absolutistas da Igrexa fronte ás máis anticlericais dos sindicatos obreiros. Neste sentido, algunhas manifestacións violentas contra os bens eclesiásticos serviron para que a Igrexa optase claramente pola dereita golpista e, xa despois de 1936, apoiase ao réxime franquista. Durante a segunda metade do s XX, sobre todo a partir do Concilio Vaticano II (1959-1965), que promove unha apertura da Igrexa cara á sociedade e unha toma de conciencia pola situación social e económica dos pobres, iranse abandonando as posturas radicalmente anticlericais, quizais tamén debido á progresiva indiferenza social que suscita o tema relixioso. Así mesmo, no eido político formáronse ao longo do s XX partidos ideoloxicamente inseridos na “democracia cristiá”, que loitaron por eliminar a tradicional identificación Igrexa-ideoloxía reaccionaria. O anticlericalismo dos réximes comunistas da Europa do Leste parte da identificación Igrexa-sociedade tradicional e procuraba a eliminación de calquera forma de poder con influencia social que non fose o procedente dos órganos oficiais de goberno do estado. Na actualidade, o anticlericalismo que se observa deixou de ser político e sitúase na recuperación do discurso volteriano que defende a tolerancia relixiosa e a convivencia pacífica entre diferentes credos sen que ningún deles interfira na sociedade civil: neste sentido, cómpre sinalar as opinións ben opostas en asuntos como o divorcio, o aborto, a sexualidade e a anticoncepción, o clonamento de seres vivos, etc.

Palabras veciñas

anticipo | anticircumpolar | anticlerical | anticlericalismo | anticlímax | anticlinal | anticlinorio