Antillas, mar das
ou mar Caribe Parte do Océano Atlántico situada ao N de América do Sur, ao L de América Central, ao S das Antillas e ao O do arquipélago das Pequenas Antillas (1.950.000 km2). Situado ao S do Trópico de Cáncer, entre os 9° e os 22° de latitude N e os 61° e 88° de lonxitude O, únese ao golfo de México polo canal do Yucatán; a través do canal de Panamá xúntase co Océano Pacífico, servindo de paso aos barcos mercantes. O fondo ten unha media de 3.000 m, con puntos de gran fondura, como o Bartlett Trough, ao S da illa do Gran Caimán (7.680 m), ou a fosa de Xamaica (7.238 m) entre esta illa e a de Cuba. Está dividido en dúas concas pola plataforma submarina de Beata (a 200 m de profundidade), que vai dende a costa de Honduras e Nicaragua ata as de Xamaica e Haití. A salinidade é baixa en relación coa do Océano e a temperatura relativamente alta (24°C) e con pouca variación anual. A corrente do Golfo ten parte da súa orixe no mar das Antillas, con augas que penetran na corrente ecuatorial e pasan a través do estreito de Yucatán cara ao golfo de México. A área vese influenciada por ventos do nordeste, furacáns (de agosto a outubro), así como erupcións volcánicas e sismos submarinos.