Antonio de Montoro

Antonio de Montoro

ou El Ropero de Córdoba (Montoro, Córdoba? 1404? - 1480?) Poeta e xastre da Raíña Isabel a Católica. Xudeu converso, padeceu as persecucións do ano 1473 en Córdoba. A súa profesión propiciou as sátiras de poetas coetáneos como Juan Agraz ou Juan de Valladolid. No seu tempo sobresaíu como poeta satírico e burlesco, pero a súa composición máis coñecida é unha cantiga en loor da Raíña Católica onde, case hereticamente, se afirma que ela sería a nai de Xesucristo se nacese antes ca a Virxe María. Esta cantiga foi contestada por Francisco Vaca e Álvaro de Brito, entre outros autores. A composición “Ai, cuitado, agora siento”, recollida no Cancionero de Palacio baixo a rúbrica de Montoro, foille atribuída por diversos motivos: por un lado, debido ao seu prestixio literario (maior ca o de Juan ou de Alfonso de Montoro) e ao feito de que, no caso dos autores de gran popularidade, a simple mención do apelido abondaba para identificalo e por outra banda, debido ao paralelismo que garda este poema coa peza “Amor que yo vi”, que tamén se lle atribúe.