Antonio Bandeira
Empresa do sector vitivinícola. Foi fundada en Vigo por António Bandeira Proença, de orixe portuguesa, no ano 1898, ao adquirirlle á firma Fonseca, Pinto & Cía as existencias de Viño do Porto, co fin de canalizar as exportacións ao Brasil. No ano 1922 pasou a dirixir a empresa o seu fillo Antonio Bandeira Pires e no 1969 constituíuse como Empresa Antonio Bandeira, SA ata que no 1990 todas as súas accións foron adquiridas por Bardinet, SA e totalmente absorbida por esta no 1996. A súa actividade estivo sempre ligada á elaboración, crianza e embotellamento dos Viños Licorosos da súa propia marca. Ademais introduciu e comercializou ata o ano 1936 os Viños do Porto Bandeira. A partir de entón e con motivo do peche das importacións, creou a súa propia adega de viños de crianza, continuando as mesmas prácticas utilizadas nas elaboracións de Viños do Porto, co que iniciou a venda en España dos Viños Bandeira. Os Viños Bandeira acadaron a súa hexemonía no mercado entre os anos 60 e 70, especialmente nas zonas turísticas e fronteirizas con Francia.