apócope

apócope

(< lat apocŏpe < gr ἀποκοπή ‘corte, amputación’, de ἀποκόπτω‘cortar’)

  1. s f [LING]

    Supresión dunha parte do final dunha palabra. Pode comprender un só fonema ou ben máis dun. É un fenómeno característico na evolución das linguas románicas dende o latín, aínda que ten un alcance máis xeral nunhas ca noutras. O fenómeno rexístrase en galego, entre outras, nas seguintes voces: PLANU > chan, BONU > bo, INDE > ende (arc) > én (arc), MULTU > moi, etc. Nas locucións adverbiais: AD SALTU > ao chou, IN COLLU > en col de, AD/IN CASA > en/a cas de, AD BONA FEDE > abofé; ou na interxección: HOME > ho! / hom!. Tamén algunhas fórmulas de tratamento teñen a súa orixe en formas apocopadas: DOMINU > dono > don, FRATRE > frade > frei); e mesmo algúns nomes propios presentan unha variante apocopada: MARTINU > Martín (medieval), PELAGIU > Pai (medieval), RODRIGO > Roi, FONTE SACRATA > Fonsagrada, FONTE SICCA > Fonseca, MONTE FERU > Monfero, PONTE FERRATA > Ponferrada. Modernamente a tendencia á apócope rexistrámola tamén naquelas voces que presentaban un -e despois de -l (VALET > val (pop), MESE > mes). Estes exemplos son especialmente frecuentes nos textos poéticos decimonónicos nas voces que presentan un -e final despois da consoante fricativa palatal xorda /?/ como nos seguintes exemplos: fogaxe (de FOGO) > fogax (lit), paisaxe (fr paysage) > paisax (lit). A apócope tamén é un dos procesos utilizados na formación de abreviaturas: col (colección), comp (compañía); en truncamentos como: tele (televisión), micro (micrófono); na creación de acrónimos: Sergas por Servicio Galego de Saúde); de siglas (APA por Asociación de Pais de Alumnos, EGU por Enciclopedia Galega Universal) e na creación de compostos sincopados (

    Ex: Eurocopa (Europa + copa), cantautor (cantante + autor).

  2. s m [PAT]

    Ferida que comporta a perda dunha parte do organismo. Fálase sobre todo de apócope cando hai unha ablación total ou parcial dun óso.

Palabras veciñas

apocito | apocodeína | apocopar | apócope | apócrifo -fa | apocrino -na | apocrisiario