árabe

árabe

(< lat arabe)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Arabia, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Na-tural ou habitante de Arabia.

    Confrontacións: saudita.
  3. [ETN]
    1. adx

      Relativo ou pertencente ao pobo árabe.

    2. s

      Pobo orixinario da Península Arábiga. Na época preislámica o pobo árabe, nómada (beduíno) ou sedentario, organizábase en clans e tribos de familia patriarcal; era politeísta, cría nos espíritos (ginn) e desenvolvía o seu culto en santuarios locais ou tribais, entre os que salienta a Ka’ba, na Meca. Semella, sen embargo, que antes do monoteísmo islámico tiñan a crenza nun deus superior común a todas as tribos. A predicación de Mahoma conseguiu reunir a todas as tribos árabes baixo un estado teocrático, que espallou a súa lingua e relixión polos territorios conquistados debido á expansión do Islam dende o s VII, configurándose como o grupo étnico dominante en numerosos territorios do norte de África e Asia. Aínda que esta expansión case sempre supuxo a aculturización dos pobos conquistados (asimilación da lingua, a cultura e a relixión árabes), en ocasións mantiveron a súa propia lingua (bérberes) ou relixión (coptos), noutras só adoptaron a relixión (turcos, persas ou hindús), polo que non se poden considerar parte do mundo árabe.

  4. s m [LING]

    Lingua da familia afro-asiática do grupo meridional das linguas semíticas. Enténdese por lingua árabe a falada no centro de Arabia no s VII, chamada árabe literario ou clásico, lingua do Alcorán. A expansión do Islam, que impón unha ortodoxia que non permite a tradución do libro sagrado, converteuna rapidamente en lingua administrativa, comercial e literaria dos países islamizados. A combinación de -xeralmente- tres das vinte e oito consoantes de que consta o alifato dá lugar a unha chamada raíz, que expresa unha idea. Coa adición doutras consoantes, vocais ou signos ortográficos ás letras radicais concrétase o significado abstracto daquela, formando os diferentes termos verbais e nominais. O verbo ten unha soa conxugación, unha forma simple e varias derivadas, e dous tempos verbais: pretérito e futuro. O futuro ten catro modos: indicativo, subxuntivo, condicional e imperativo. O nome e o adxectivo son afectados por catro accidentes: xénero e número como no caso do verbo, declinación (nominativo, xenitivo e acusativo) e determinación (mediante o artigo único al- ou un complemento determinativo). O árabe, como todas as linguas semíticas, é moi rico en formas nominais. A lingua literaria foi estandarizada academicamente nos ss IX e X en diversas escolas filolóxicas que xurdiron en Basora, Al-Kufa e Bagdad. Coa toma de contacto do mundo árabe coa civilización occidental moderna produciuse un uso case absoluto de termos estranxeiros para a formación de neoloxismos. A reacción contra este abuso por parte dos literatos comezou na segunda metade do s XIX, radicada inicialmente en Siria e o Líbano. Foron creadas tamén as primeiras academias de lingua árabe (Damasco, 1919; O Cairo, 1932; Bagdad, 1947), que tentaron reducir o inmenso léxico e fixar definitivamente os neoloxismos. A lingua árabe, en forma dialectal (ou vulgar), é falada na actualidade por máis de 150 millóns de persoas que a utilizan como lingua materna e varios millóns máis como segunda lingua. Estes falantes ocupan principalmente o territorio comprendido entre o Atlántico e Persia, dende o Mediterráneo ata o sector meridional do Sáhara e as costas do Índico. Nesta rexión hai minorías que falan outras linguas (hebreo, bérber, arameo), pero este feito non afecta á unidade do citado dominio. Os dialectos actuais, que derivan das liguas coloquiais faladas no s VII da nosa era polos habitantes da Arabia central e setentrional, presentan unhas características comúns que os distinguen do árabe clásico ou escrito. Entre elas, as principais son: a desaparición da vogal de caso; a riqueza do sistema fonético, que tende a presentar reducións consonánticas e unha maior gama vocálica; a introdución dunha partícula para indicar o réxime; a utilización de partículas para precisar o presente de indicativo e outras características. Xa no dominio lingüístico vulgar, pódense distinguir dous grandes grupos de dialectos, orientais e occidentais, que se manteñen separados idealmente por unha liña que vai dende Al-Sallun ata Chad. As principais características diferenciais radican no léxico e, socioloxicamente, na maneira de vivir dos falantes, que evolucionan máis rapidamente ca os beduínos.

  5. [ESCR]
    1. alfabeto árabe

      Alfabeto chamado alifato, derivado do nabateo (ss II e III?) e influenciado tamén polo siríaco, que tomou a forma actual no s VIII. Comprende vinte e oito caracteres consonánticos, algúns deles diferéncianse por puntos diacríticos, existindo tamén outros signos ortográficos auxiliares. A expansión do Islam motivou que o alifato siga a utilizarse tamén noutras linguas, polo feito de que o Alcorán, palabra de Deus -Alá- revelada ao seu profeta Mahoma en lingua árabe, non se pode traducir nin transcribir.

    2. escritura árabe

      Escritura propia da lingua árabe. O árabe, coma outras linguas semíticas, escríbese de dereita a esquerda. A escritura caracterízase pola abundancia de enlaces. Só se indican as consoantes e as vocais longas, se ben no caso de determinados textos (o Alcorán, edicións científicas, infantís e outros), nos que é necesaria unha lectura correcta, tamén se indican as tres vocais (a, i, u), a ausencia de vocal (sukūn), as consoantes e as vocais dobres (tašdīd e tanwin) e outros signos ortográficos.

  6. arte árabe [ARTE]

    Arte islámica.

  7. ciencia árabe

    Conxunto das actividades científicas desenvolvidas no ámbito cultural árabe durante a Idade Media. Entre os ss VIII e XII, os árabes herdaron e continuaron a ciencia grega que introduciron no ámbito do occidente cristián, en boa medida a través da Península Ibérica, marco xeográfico no que convivían o Al-Ándalus árabe cos reinos cristiáns do norte. No s VIII en Bagdad comezaron a traducirse case todos os manuscritos científicos gregos aos que se tiña acceso e as obras máis importantes da ciencia hindú. A tradución acompañábase dunha análise dos textos e de importantes investigacións propias que deron lugar á constante verificación e corrección das fontes orixinais. A tradución ao latín de moitas das súas obras contribuíu de forma decisiva ao renacemento científico do s XII en Occidente. Nas matemáticas perfeccionouse o sistema de numeración decimal inventado polos hindús, leváronse a cabo progresos moi importantes en aritmética e desenvolveuse a álxebra e a trigonometría partindo das bases conceptuais hindús. O célebre libro de Muḥammad ibn Mũsã al-Hwarizmī é o primeiro tratado de álxebra coñecido. En astronomía traduciron e criticaron o Almaxesto. O observatorio de Samarcanda publicou no s XV as Táboas de Ulūḡ Beg. En física a súa achega básica foi o tratado de óptica de ibn al-Haytam. O ámbito máis destacable da ciencia árabe é probablemente o da química, na que ordenaron, racionalizaron e ampliaron os coñecementos anteriores recollendo as teorías chinesas. Os químicos árabes foron alquimistas, pero, como al-Rāzī e Ǧābir (Geber), recoñecían a importancia da experimentación e coñecían as técnicas de laboratorio e as reaccións e propiedades de numerosas substancias. En medicina desenvolveron destacables estudios clínicos, aínda que non practicando a disección por motivos relixiosos. Algunhas das traducións latinas dos seus grandes tratados -o Liber continens de al-Rāzī , o célebre Canon de ibn Sīnā, o Colliget de ibn Rušd (Averroes)- continuábanse a utilizar como libros de texto aínda na Europa no s XVII. Tamén sobrancearon como xeógrafos. A decadencia da ciencia árabe entre os ss XIII e XV derivou tanto do proceso de expansión cara ao sur dos reinos cristiáns da Península Ibérica como das invasións dos mongois e dos turcos, a decadencia económica, a crecente influencia do estamento clerical, progresivamente integrista, e da importancia que foron cobrando o persa e o turco diante do árabe como linguas de cultura dos pobos islámicos.

  8. filosofía árabe [FILOS]

    Filosofía islámica .

  9. literatura árabe [LIT]

    Literatura cultivada en árabe. A súa historia adoita ser estudada por períodos que se corresponden aproximadamente cos da historia política. O período preislámico chamado tamén Gāhiliyya (‘ignorancia’), comprende dende as orixes ata a aparición do Islam. As fontes desta literatura son tardías, sendo recollida por escrito durante os ss VIII-IX. De feito, a primeira obra literaria árabe é o Alcorán, que condicionou coa súa influencia a prosa posterior. En canto á poesía, non existen versos coñecidos anteriores á Héxira en 150 anos, e o seu berce foron as rexións do centro e do norte de Arabia. A lingua da poesía preislámica era unha koiné de dialectos máis ou menos iguais á empregada no Alcorán coa casida como forma estrófica. O poeta (šā’ir, ‘coñecedor’) considerábase posuidor dun carisma sobrenatural, desenvolvendo como tal unha verdadeira función social. A poesía foi transmitida por rapsodas memoriosos (rāwī), como Hammād al-Rawiyya, que fixo a recompilación máis importante de casidas preislámicas: as mu’allaqa. Outro grupo célebre de poetas preislámicos foron os sa’ālīk (‘bandoleiros’), entre os que se contan Šanfarā e Ta’abbata-Sanhran. En canto á prosa preislámica, o xénero máis notable foi vencellado á oratoria. O hātib (‘predicador’) tiña unha importancia semellante á do poeta. O período dos muhadramun (‘contemporáneos de Mahoma ou dos catro primeiros califas’) abrangue ata 661 un período de transición no que a literatura formada nas ideas da ǧahiliyya pagá abriuse á nova mentalidade islámica. O primeiro poeta considerado propiamente musulmán foi Hassan ibn Tabite, e o panexirista máis célebre Ka’b ibn Zuhayr. No período omeia (661-750) a literatura reflite os cambios orixinados pola expansión islámica fóra de Arabia, principalmente polo contacto coas culturas persa e mesopotámica; a linguaxe adquire exuberancia, percibíndose xa os síntomas dun novo estilo poético. Al-Ahtal, Garīr e Farazdaq considéranse os mellores poetas deste período. No referente á prosa, apareceu o xénero histórico, cultivado por Abū Mihnaf, bosquexos de erudición e teoloxía e os primeiros tratados dos kuttāb (secretarios dos califas). Durante o primeiro período abbásida (750-1000) a literatura foi eminentemente urbana. Foi un tempo de intensa actividade intelectual, e o abondoso labor de traducións favoreceu a entrada das culturas persa, siríaca e grega. Na poesía xurdiu o estilo chamado modernista, fundado por Baššār ibn Burd Abū Nuwās. Os poetas muhdatūn (‘modernos’) abandonaron a casida tripartita empregando en troques dela os qit’a (‘fragmentos’), aínda que se continúa cultivando a poesía amorosa e báquica. A finais do s XI comezou a restauración neoclásica. Dos neoclásicos, os mellores foron al-Mutanabbī e o seu rival á corte de Sayf al-Dawla de Alep, Abū Firās al-Hamdānī. En prosa destacou al-Ǧāhiz, considerado unha das grandes figuras da literatura universal. A gran novidade desta época foi a creación do xénero maqāma por parte de Badī al-Zamān al-Hamad-Rnī. Tamén tivo grande importancia a contribución dos filólogos, dos antólogos e dos escritos en prosa técnica. A mística non foi aceptada como ortodoxa no Islam ata Algazel (morto no 1111). O máis célebre do período foi al-Hallaǧ. Xa antes de principiar o segundo período abbásida (1058-1258), a literatura árabe comezou a decaer. O característico estilo escuro e difícil ao que se chegara, requería a miúdo comentarios interpretativos, como no caso de Abū-l-’Alā’ al-Ma’arri, un dos máis grandes da literatura árabe. En canto á prosa, al-Harīrī deulle á maqāma a súa forma definitiva. En Teoloxía, al-Gazzālī (Algazel) exerceu unha grande influencia sobre Occidente. Ramón Llul traduciu os Maqasid. Durante o período da decadencia (1258-s XIX) acentuouse o esgotamento do pensamento e tendeuse á estandarización. Por outra banda, a lingua árabe foi perdendo pulo entre os persas e os turcos, que comezan a empregar os seus idiomas. Resultou unha época de compilacións e enciclopedias; a produción poética foi moi escasa, sen embargo, nela abundaron os prosistas. O exipcio ibn Dāniyāl (s XIV) introduciu no mundo árabe o teatro de sombras chinesas, xénero que non arraigou. Xurdiron os xéneros populares: novelas de cabalerías, fábulas, historietas e coleccións de contos, entre os que destaca As mil e unha noites. No s XVIII faise total a parálise da literatura árabe. A nahda (‘renacemento’) comezou na segunda metade do s XIX; a apertura ideolóxica, obra de reformistas liberais, predicaba unha actualización do Islam. Nas letras, significou un cambio profundo, un anovamento, producido fundamentalmente pola influencia occidental, en pugna coa tradición árabe. A prosa deste momento foi o resultado do labor de filólogos, tradutores e xornalistas que adaptaron o árabe clásico ás necesidades modernas, simplificaron o seu léxico e incorporaron neoloxismos. Ata o 1914 non apareceu a primeira novela árabe orixinal: Zaynab, do exipcio Muhammad Haykal. Non obstante , a novela árabe non acadou a madureza ata despois de 1952: foi no Exipto, onde Tawfīq al-Hakīm, Kāmil Husayn, ‘Abd al-Rahmān al-Sanawī e Naǧīb Mahfūz, entre outros, cultivaron unha novela eminentemente social e comprometida. A concesión do Premio Nobel de Literatura do 1988 ao novelista exipcio Naǧīb Mahfūz significou o recoñecemento a toda unha xeración que transformou a lingua árabe tradicional nun instrumento apto para a creación literaria actual. O teatro foi outro xénero occidental introducido na nahda, por Mārūn Naqqāš (1847), pero non arraigou no espírito árabe. O único dramatrugo árabe de renome internacional é Tawfīq al-Hakīm. A poesía estancouse no Neoclasicismo, sen se anovar ata o primeiro cuarto do s XX. Os primeiros renovadores da lírica árabe foron os sirio-libaneses emigrados a América, principalmente os residentes en Nova York, que no 1920 constituíron a asociación literaria fundada por Ǧubrān Halīl Ǧubrān, Rābita al-Qalamiyya. Os seus membros abandonaron a casida, adoptaron o verso libre e as estrofas occidentais e introduciron novos temas: o nacionalismo, a liberdade e o tema amoroso de orixe romántica. Recentemente xurdiron novas escolas de difícil clasificación como a xordano-palestina, testemuño vivo das guerras Árabe-israelís. A lírica máis avanzada corresponde actualmente a Iraq, con figuras como Nāzik al-Malā’ika e Abd al-Wahhāb al-Bayyātī. Á cabeza da nova escola exipcia está Ahmad Zākī abū Šamī. En Marrocos destacan ‘Allāl al-Fāsī, Muhammad Sabbāg e al-Baqqālī. Arabia, pola contra, é o país árabe onde o renacemento, a nahda, non se ten levado a cabo.

  10. música árabe [MÚS]

    Música propia dos pobos árabes que ten como base un conxunto de tradicións populares recollidas nun primeiro momento da tradición oral nos países afectados pola expansión musulmana. No período preislámico (ata o 661), chamado tamén gāhiliyya (‘ignorancia’), a música árabe, limitada ao ámbito xeográfico da Península Arábiga, tiña carácter puramente folclórico, xurdindo cara ao s V unha forma culta, a casida. No período dos inicios do Islam (661-762) coa dinastía dos Omeias, instalada en Damasco, entrouse en contacto coa cultura grega, enriquecéndose o primitivo canto árabe, e sendo substituída a casida pola canción de amor. O persa Ibn Muhriz introduciu na frase melódica unha modificación básica: en troques dun verso, o canto pasou a ter dous. No período do desenvolvemento (762-883), o Califato de Bagdad marcou o triunfo da influencia persa, constituíndo a época máis brillante da música árabe antiga, para o que resultou fundamental a labor dunha dinastía de músicos notables: ‘Ibrāhīm al-Mawsilī e Isqhāq al-Mawsilī. Cunha teoría musical inspirada na tradición grega, a música árabe alicerzouse nunha gama de dous tetracordos separados que contiñan cadansúa terceira neutra. Non obstante , admitiu a coexistencia da escala occidental con escalas maiores e menores e permaneceu fiel ao concepto grego dos xéneros e dos modos que fan referencia a un grao determinado da escala (maqām). Os antigos árabes tiñan cinco ritmos fundamentais, que non eran compases, senón agrupamentos de tempos fortes ou febles, alternativamente binarios ou ternarios segundo as esixencias da métrica poética. Estes ritmos íanse complicando no Oriente, así como os modos, mentres que no Al-Andalus (música andalusina) se mantiña a simplicidade orixinal. No Oriente xurdiron eminentes teóricos, como al-Fārābī, al-Kindī e Ibn Sīnā. O Al-Andalus tivo tamén teóricos importantes: en Occidente ibn Baǧǧa, en Oriente ibn Rušd. En canto aos instrumentos, o instrumento clásico por excelencia é o laúde, adaptado á dupla octava. Subsistiron os instrumentos antigos: o rabāb-al-š’ir, viola de poeta; o mitz’af, cítara de doce cordas; a nāy frauta oblicua; o tunbūr, instrumento de cordas pinzadas con plectro, e o tamboril cadrado de dobre pel, dūff, que perdura.

  11. raza árabe [GAN]

    Raza de cabalos, prototipo da perfección da especie, orixinaria de Arabia. Caracterízase polo seu perfil recto, un tamaño mediano e un perfecto aplomo. Aptos para a carreira, son cotizados sementais.