Árabe-israelís, Guerras

Árabe-israelís, Guerras

Conflitos bélicos producidos pola creación do Estado de Israel e a súa non aceptación por parte dos países de cultura árabe. A decisión tomada pola ONU en novembro do 1947 de dividir Palestina en dous estados, un deles xudeu (Israel) e o outro árabe, provocou a invasión inmediata de Israel (15.5.1948) por parte da Liga Árabe, principiando a Primeira Guerra Árabe-israelí. Inesperadamente os exércitos árabes foron derrotados e parte da poboación palestina emigrou (780.000 refuxiados). Exipto primeiro (1949) e logo o resto dos estados árabes, asinaron un armisticio polo que cedían Nazaré, a Galilea occidental, o deserto do Nagueb e parte de Xerusalén ao Estado de Israel. O illamento internacional de Exipto pola nacionalización do canal de Suez (1956) deu a Israel a ocasión para responder cunha guerra “preventiva” contra as ameazas de Nasser; esta Segunda Guerra Árabe-israelí rematou sen alteracións territoriais. En maio de 1967 Nasser bloqueou o golfo de Aqaba (única saída de Israel ao Mar Vermello), feito que desencadeou a Terceira Guerra, chamada tamén Guerra dos Seis Días (5-10.6.1967), na que o exército israelí aniquilou as forzas árabes; proclamado o cesamento de hostilidades (10.6.1967), Gaza, a Península do Sinaí, os Altos do Golán, a Cisxordania e o Xerusalén oriental foron ocupados por Israel. A Cuarta Guerra ou Guerra do Yom Kippur, tivo lugar do 6 ao 24 de outubro de 1973, cando Exipto e Siria, apoiados pola Liga Árabe, atacaron a beira oriental do canal de Suez e os Altos do Golán. Israel recuperou pouco despois a iniciativa en Siria e ocupou importantes posicións á esquerda do canal de Suez. Aceptado o cesamento de hostilidades decretado pola ONU, o 18 de xaneiro e o 30 de maio de 1974 Israel asinou con Exipto e Siria os acordos polos que Exipto ocupou a marxe dereita do canal de Suez e Siria adiantou lixeiramente as súas posicións. En abril de 1982 Israel devolveu o Sinaí a Exipto, pero anexionouse os Altos do Golán. A resistencia armada musulmá obrigou ao exército israelí a retirarse do territorio libanés (1984-1985); no ano 1993 a Organización para a Liberación de Palestina (OLP) e Israel asinaron un acordo polo que se concedía a autonomía dos territorios de Xericó e Gaza, baixo o control dunha Autoridade Nacional Palestina.

Palabras veciñas

árabe | Árabe Unida, República | Árabe, Liga | Árabe-israelís, Guerras | arabela | arabesco -ca | Arabexo