arbitrio

arbitrio

(

  1. s m

    Facultade da vontade do home de tomar unha resolución con preferencia sobre outra.

    Sinónimos: albedrío.
  2. s m

    Xuízo ou sentenza de árbitro.

    Ex: Deixámolo ó arbitrio de Xaime. Non hai que poñerlle pegas ó arbitrio de García de Loza no partido de onte.

    Sinónimos: arbitraxe.
  3. s m
    1. [ADM/ECON]

      Dereitos ou imposicións, polo xeral de carácter municipal, cos que se designan -arbitran- fondos para gastos públicos. Son unha exacción, que tecnicamente non ten finalidade recadadora, senón que o que pretende é tentar modificar a conduta da obriga ao pagamento para axeitala aos intereses xerais. É unha medida de fomento administrativo.

    2. [HIST/ECON]

      Carga impositiva sobre o consumo e o comercio tendente a acrecentar o prezo dunha mercadoría. Os concellos galegos, ao teren uns ingresos ordinarios moi reducidos durante a Idade Moderna, procuraban a autorización real para a imposición de arbitrios, fundamentalmente sobre mercadorías de consumo de primeira orde (sal, viño, etc), concesión que se converteu en ferramenta fundamental para as empobrecidas facendas dos concellos galegos do Antigo Réxime. Dada a elevada presión fiscal existente nos séculos XVI e XVIII, que desaconsellaba o establecemento de calquera tributación de tipo directo, os arbitrios convertéronse nun dos mecanismos máis empregados polos concellos e outras institucións para tentar paliar na medida do posible as súas grandes necesidades financeiras, ben as de tipo extraordinario ou ben para avalar diversos préstamos cos que afrontar a contabilidade cotiá. O mecanismo de imposición do arbitrio sobre determinados produtos precisaba da previa autorización do Consello de Castela, tendo a priori unha vixencia temporal limitada que adoitaba prorrogarse. A satisfacción monetaria da carga, aparentemente máis levadeira para a totalidade da poboación debido ao seu carácter indirecto, recaeu, como no caso da sisa, sobre aqueles grupos sociais menos podentes. Malia o coñecemento desta realidade, foi a modalidade impositiva adoptada pola Xunta do Reino de Galicia para recadar o servizo ou donativo dos 800.000 ducados que en xullo de 1629 lle concedeu á Coroa, competíalle, así mesmo, á Xunta levar a cabo a selección dos diferentes produtos gravados e establecer os baremos de magnitudes de mercadorías e pagos correspondentes: seis reais por carga de peixe fresco ou salgado exportado por mar ou terra; un real por cada carga de sardiñas saída por terra e doce marabedís en cada milleiro saído por mar; doce reais por carga de escabeche; dous reais por cada moio de viño exportado; dezaseis reais por carga de azucre reexportada e o 1% no momento da chegada do navío; dous reais por fanega de sal importado e consumido no Reino de Galicia. Esta imposición foi específica de Galicia e chegou a adquirir un carácter independente da aprobada en 1631 como medio tributario substitutorio do servizo de millóns. Da cantidade global recadada destináronse uns 40.000 ducados para a fortificación das illas de Baiona e outra parte dirixiuse a sufragar os gastos da escuadra de Galicia. A mediados do s XVIII, coa idea impositiva do catastro, ordenouse investigar a fondo o delicado tema dos arbitrios municipais co propósito de descubrir todos aqueles impostos sen facultade real, así como estudar novos sistemas de financiamento das administracións locais.

  4. arbitrio xudicial [DER]

    Facultade que a lei lle dá ao xuíz para que, dentro duns límites máis ou menos amplos, a interprete en relación co caso concreto a xulgar, ou complemente algún extremo que a mesma lei deixe ao seu xuízo persoal.

  5. libre (ou franco) arbitrio [FILOS]

    Facultade para decidir libremente.