árbore

árbore

(< lat arbŏre)

  1. [BOT]
    1. s f

      exetal leñoso que presenta un tronco único ao ramificarse a certa distancia do chan. As partes esenciais de calquera árbore son as raíces, o tronco e a copa. As funcións principais do sistema radical son a fixación da árbore ao chan e a absorción da auga e nutrientes do solo, pero ademais as raíces teñen outros cometidos como o almacenamento de substancias de reserva, a síntese de compostos orgánicos, a secreción de substancias químicas, a xeración de talos, ou a localización de microorganismos fixadores de nitróxeno. A forma e a extensión do sistema radical das árbores están controladas xeneticamente e varían segundo a especie, a idade e as circunstancias ecolóxicas. A maior parte das raíces finas, que son as que se encargan da absorción da auga e dos nutrientes, localízanse xeralmente nos estratos máis superficiais do chan, pero o sistema radical das especies arbóreas acada con facilidade, en solos profundos, unha profundidade que oscila entre os 3 e os 5 m; danse casos singularmente notables como o pradairo, a robinia e o tamarisco, cunhas raíces que poden profundizar ata 10, 20 e 30 m, respectivamente. Tamén o desenvolvemento lateral pode ser considerable, e mesmo chegar nalgúns piñeiros e salgueiros a multiplicar por sete a súa altura. Algunhas especies arbóreas (carballos, freixos, nogueira ou piñeiro rubio) presentan raíces pivotantes ou axonomorfas; a raíz principal penetra fondamente no chan, sendo claramente dominante, e nacen dela as laterais. Noutras plantas arbóreas (como o bidueiro, a faia e o salgueiro) o sistema radical é fasciculado, con raíz principal curta que morre moi cedo, e da que se desenvolven moitas raíces laterais secundarias de tamaño similar. Especies como o pradairo, o plátano e a robinia amosan un modelo radicular intermedio, cunha raíz principal non moi fonda nin dominante da que nacen as laterais grosas, despregadas e longamente afondadas. Cando o solo é pouco fondo as raíces discorren paralelas á superficie; este enraizamento superficial é moi típico dalgunhas coníferas. O tronco é a porción do talo entre o solo e a cruz; non adoita estar ramificado e sostén a copa, que é o conxunto das pólas, xemas e follas. En xeral medra en espesura e leva no seu interior as estruturas condutoras polas que ascende a auga e as sales minerais dende o solo ata as follas e polas que descenden os produtos sintetizados na fotosíntese (zume elaborado), dende as follas ata os outros órganos das plantas. A forma da parte aérea dunha árbore está relacionada, xeralmente, coa adaptación ás condicións nas que vive. Así, por exemplo, nas localidades de clima frío, con longos períodos de innivación, son abundantes as árbores aciculifolias do grupo das coníferas (alerces, abetos, algúns piñeiros), con perfil piramidal ou escorregadizo e copa estreita, definida por un talo simple e dominante (ramificación monopódica). Pola contra, en territorios de clima temperado, como Galicia, abundan especies frondosas de follas planas (carballos, castiñeiros, pradairos e freixos), as cales poden presentar unha copa escorregadiza na súa xuventude, pero na idade adulta o tronco deixa de ser o eixe dominante da ramificación e divídese en varias pólas laterais entre as que ningunha é claramente preponderante, constituíndo unha coroa decorrente, delicuescente ou globosa (ramificación simpódica). As árbores de copa decorrente que viven en masas densas, adoptan con frecuencia forma escorregadiza. As follas cumpren unha función común en case todos os vexetais: a realización da fotosíntese, que proporciona ás plantas os azucres, principios indispensables para o seu crecemento. A rapidez de crecemento é variable para as distintas especies de árbores. Así, os chopos híbridos e os piñeiros de Monterrei teñen un crecemento moi rápido, mentres que é moi lento no teixo e no buxo. O eucalipto supera os 60 m de altura en Galicia e os chopos híbridos acadan alturas entre 30 e 40 m. O tamaño dos carballos, castiñeiros, freixos, pradairos e amieiros soe situarse no rango entre 20 e 30 m, mentres que outras especies como o loureiro, érbedo, bidueiro, sabugueiro e o acivro alcanzan menos altura. A lonxevidade das distintas especies de árbores tamén é moi variable. A oliveira, o teixo e as sequoias poden ser milenarias. Entre 500 e 1.000 anos viven habitualmente o carballo, o cerqueiro, o castiñeiro, o lamagueiro e a carrasca. O sobreiro, a faia, o pradairo, o freixo e o piñeiro rubio adoitan situarse entre os 250 e os 500 anos de lonxevidade. Menos de 150 anos viven normalmente os salgueiros, bidueiros, amieiros e a maioría das árbores froiteiras. Algunhas especies frecuentes en Galicia que teñen importancia económica, poden clasificarse en función dos produtos que nos ofrecen: árbores alimentarias, que proporcionan alimentos para os humanos, como froitas (cerdeira, ameixeira, maceira, marmeleiro, pereira, figueira, laranxeira, limoeiro, nogueira, abeleira, castiñeiro), aceites (oliveira) ou sementes (piñeiro manso); árbores medicinais, aromáticas e condimentarias, das que se obteñen remedios para doenzas e aromas para actividades culinarias (teixo, sanguiño, tileiro, loureiro, oliveira, cerdeira, bidueiro, etc); árbores melíferas, produtoras de néctar, pole ou melazas que son aproveitados polas abellas, favorecendo, xa que logo, ao sector apícola (castiñeiros, eucaliptos, piñeiros, carballos, salgueiros, cerdeiras, maceiras, pereiras, ameixeiras). As abellas, ao visitar as flores destas árbores, desempeñan un papel moi importante na polinización das mesmas, feito que ten notable importancia na produción froiteira; árbores tintureiras, que proporcionan tinturas utilizadas, no ámbito doméstico ou industrial, para tinxir teas, fabricar vernices ou colorear alimentos. Por exemplo, da nogueira obtense a nogalina coa que se colorean madeiras, e a casca dos froitos desa árbore empregouse durante moito tempo no medio rural galego para tinxir de cor parda escura prendas de la. Os froitos do sabugueiro, de cor azul escura, utilízanse para colorear algúns viños tintos; árbores madeireiras, que producen madeira, materia prima esencial para moitas industrias (aserradoiros, pasta de papel, moblería, tonelería, etc). Non se pode esquecer que Galicia, debido ás súas circunstancias ecolóxicas, posúe unha alta produtividade forestal potencial. Outras especies madeireiras importantes en Galicia son o piñeiro de Monterrei, o piñeiro rubio, o carballo, o castiñeiro, o cerqueiro, o bidueiro, o amieiro, o freixo, a cerdeira e a nogueira. Árbores como o carballo americano, a nogueira americana ou o abeto de Douglas están pouco representadas en Galicia. O aproveitamento madeireiro reduciu notablemente, nos séculos pasados, a superficie dos bosques naturais galegos; os principais usos da madeira cortada foron a construción de edificios (igrexas e mosteiros, pazos, vivendas), a fabricación de apeiros de labranza (carros, arados), a construción de barcos, a elaboración de travesas de ferrocarril, as industrias de curtido de peles (curtidoiros) e o emprego como combustible doméstico e industrial (cerámicas, industrias de vidro, primeiras industrias de fundición, industrias alimentarias). Segundo datos do catastro do Marqués de Ensenada, a mediados do século XVIII só estaba arborado entre un 8 e un 12% do territorio galego. Dende entón a superficie de Galicia cuberta de árbores multiplicouse por tres, debido fundamentalmente ás repoboacións artificiais con especies foráneas e ao abandono de campos de cultivo; árbores enerxéticas, produtoras de combustibles de uso común, como o carbón e o petróleo, que tiveron a súa orixe na fosilización de plantas, na súa maioría arbóreas. A madeira do tronco e das pólas das árbores é, dende antano, un combustible moi apreciado. Utilízase directamente, simplemente cortada ou sometida a sinxelas transformacións. Algunhas especies arbóreas galegas destacan pola calidade da súa leña como combustible; o caso do carballo e do érbedo, que están entre as máis estimadas dende este punto de vista. Tamén hai árbores con outras utilidades industriais. Non é frecuente en Galicia a extracción de resina do piñeiro bravo, aínda que nas terras do Baixo Miño aínda hai piñeirais nos que os troncos dos piñeiros amosan os sinais característicos de teren sido resinados en tempos non moi remotos. Nalgunhas comarcas galegas está presente a sobreira, pero raramente se comercializa a cortiza con finalidade industrial, senón que se dedica case sempre ao uso doméstico (trobos para colmeas, aparellos de pesca, rollas para botellas, etc). As vimbieiras producen poliñas moi flexibles que se empregan para atar as viñas, así como en cestería e moblería, aínda que non é frecuente en Galicia o cultivo destas especies con finalidade industrial. A casca dalgunhas árbores, dos piñeiros, especialmente, utilízase para cubrir o chan; isto impide a saída de malas herbas en cultivos agrícolas e en xardíns e, unha vez triturada, fermentada e fertilizada, emprégase como substrato en viveiros de plantas. O castiñeiro e os carballos, tratados en quendas curtas, proporcionan madeira de reducidas dimensións moi estimada para as industrias e actividades artesanais de cestería e tonelería; árbores ornamentais, que son especies arbóreas, autóctonas e alóctonas, que se utilizan de forma xeneralizada en parques e xardíns. A estrutura ou esqueleto da árbore (porte, ramificación), a textura (forma, tamaño, disposición, abundancia, duración das follas), o colorido (do tronco, follas, flores, froitos), a variación estacional do mesmo e a rapidez de crecemento son, xunto coas esixencias ecolóxicas, factores importantes na selección de árbores para uso ornamental. Especies moi empregadas en Galicia como ornamentais son o teixo, o piñeiro, o cedro, o abeto, o ciprés, a araucaria, a magnolia, o loureiro, o acivro, o érbedo, a camelia, o buxo, a mimosa, a oliveira e a palmeira, entre as de folla perenne; o bidueiro, o carballo americano, a abeleira, o chopo, o salgueiro chorón, a faia, o arce, o serbal, o castiñeiro, o lamigueiro, o tileiro, o plátano, o freixo, a acacia ou o tulipaneiro de Virxinia, entre as de folla caduca. A importancia ecolóxica das árbores é moi notable: regulan os ciclos do osíxeno e do dióxido de carbono a través da fotosíntese e da respiración; favorecen a conservación da biodiversidade, ao protexer os solos, a flora e a fauna; regulan o ciclo hidrolóxico e o clima, moderando a irradiación solar e o réxime pluviométrico por medio da transpiración; reducen a contaminación atmosférica -fixan partículas e absorben gases-, acuática -actuando como filtros verdes ao absorber polas súas raíces substancias contaminantes antes de que cheguen aos cursos de auga-, acústica e dos solos. A sociedade postindustrial busca cada vez en maior medida o contacto coa natureza, o que fai aumentar o uso social das árbores e dos bosques. Dende este punto de vista os aspectos ecolóxicos e paisaxísticos das árbores e dos bosques teñen unha importancia que crece progresivamente. En tempos pasados as árbores estiveron presentes nas crenzas relixiosas e nas mitoloxías. Así, por exemplo, os carballos, os freixos e os capudres foron árbores sagradas para os pobos celtas, as oliveiras para os gregos e romanos, e as palmeiras para moitas culturas mediterráneas; a aciñeira estivo consagrada ao deus Xúpiter, o loureiro e a palmeira a Apolo, e o piñeiro e a oliveira a Cibeles e Minerva, respectivamente.

    2. árbore aciculifolia

      Árbore de follas aciculares, estreitas e longas, como agullas.

    3. árbore afogadora

      exetal hemiepífito que xermina enriba dunha árbore, crea raíces que baixan ata a terra e, unha vez arraigada, transfórmase nunha árbore que mata a hóspede sobre a que tiña medrado.

    4. árbore caducifolia

      Árbore na que as follas se manteñen activas durante un só período vexetativo. Unha vez transcorrido este período as follas, polo xeral, secan e caen (follas caducas, como o carballo común); pero nalgunhas especies as follas secas aínda persisten longo tempo nas pólas (follas marcescentes, como o carballo cerquiño).

    5. árbore de ribeira

      Árbore que vive en solos húmidos, habitualmente formando bandas paralelas á ribeira dos ríos, estanques e lagoas, como o amieiro, o salgueiro ou o bidueiro.

    6. árbore esclerófila

      Árbore de folla persistente, dura, coriácea e pequena, como a da sobreira e da oliveira. Corresponde a medios climáticos bastante secos, e é o tipo de árbore característica da rexión mediterránea e das zonas de clima semellante onde as chuvias estivais son escasas.

    7. árbore laurifolia

      Árbore de folla plana e dura, como a do loureiro. Diferénciase da árbore esclerófila porque ten as follas máis grandes. É característica, principalmente, de climas tropicais e subtropicais húmidos.

    8. árbore perennifolia

      Árbore na que as follas manteñen a súa actividade durante diversos períodos vexetativos (follas persistentes) e que se renovan de tal maneira que a copa se conserva verde todo o ano, como ocorre coa aciñeira e o abeto.

    9. árbore planifolia

      Árbore de follas planas e de lámina ampla, como o pradairo, o a aciñeira e a abeleira.

  2. [PLANTA]
    1. árbore da noz moscada [Myristica fragans, Fam das miristicáceas]

      Árbore da familia das miristicáceas, de ata 18 m de altura, dioica, de folla perenne, de cor verde escura, con pequenas flores amarelas e aromáticas, e froitos con aspecto de albaricoque que, unha vez secos, abren e mostran unha piña marrón e brillante, cuberta por un arilo vermello, a macis. A súa semente é a noz moscada. É orixinaria das illas Molucas e cultívase nas Célebes, en Xava e na illa de Ambón.

    2. árbore da rabia

      pau de san Gregorio.

    3. árbore dos tulipáns

      tulipaneiro de Virxinia.

    4. árbore de coral

      ceibo.

    5. árbore de ferro [Sideroxylon inerme, Fam das sapotáceas]

      Árbore da familia das sapotáceas, propia da rexión do Cabo, de madeira densa e moi resistente, empregada na construción e na fabricación dalgunhas ferramentas agrícolas.

    6. árbore de sapan [Caesalpina sappan, Fam das cesalpináceas]

      Árbore orixinaria da India e Malaia, cultivada na zona tropical asiática. Da súa madeira extráese un colorante vermello que foi moi empregado noutros tempos. Ten certo interese en ebanistería.

    7. árbore de Xúpiter

      Lagerstroemia.

    8. árbore do amor [Cercis siliquastrum, Fam das fabáceas]

      Árbore caducifolia, de ata 12 m de altura, de follas circulares grandes e flores rosadas que aparecen antes da foliación. É espontánea en Europa oriental e utilízase como especie ornamental.

    9. árbore do ceo

      ailanto.

    10. árbore do pan

      Árbores do xénero Artocarpus pertencentes á familia das moráceas, de ata 18 m de altitude. Presenta follas sempre verdes, profundamente lobuladas, e froitos comestibles do tamaño dun melón, cubertos de espiñas, de cor amarela escura e pulpa amarela e fibrosa, rica en azucres. Destacan polo seu cultivo a A. heterophyllus e a A. altilis, propias de zonas intertropicais de Asia e Oceanía.

    11. árbore do paraíso [Elaeagrus angustifolia, Fam das eleagnáceas]

      Árbore caducifolia que presenta talos, follas e flores cubertas de pelos prateados e estrelados, flores tetrameras amarelas aromáticas e froito en aquenio de cor vermella. Orixinaria de Oriente, cultívase en xardinería na Europa meridional.

    12. árbore do viaxeiro [Ravenala madagascariensis, Fam das musáceas]

      Árbore duns 10 m de altura, de follas sempre verdes, semellantes ás da bananeira, pero agrupadas en forma de abano. Recibe o seu nome polo feito de recoller na base das follas a auga da chuvia, que pode ser empregada para o consumo humano. É orixinaria de Madagascar.

    13. árbore dos corenta escudos

      Ginkgo.

    14. árbore fría

      sangomiño.

  3. s f

    Todo o que presenta forma semellante á dunha árbore.

  4. s f [GRÁF]

    Altura do carácter tipográfico desde o pé ata o inicio do zócolo da letra.

  5. s f [INFORM]
    1. Estrutura xerárquica de directorios empregada nos sistemas operativos dos ordenadores persoais. Baséase na existencia de directorios que se dividen en subdirectorios e estes, á súa vez, en novas subdivisións.

    2. Estrutura de datos similar a unha listaxe vinculada, con excepción de que nesta cada elemento leva consigo os enderezos de dous ou máis elementos adicionais, en lugar dun só. As árbores constitúen un xeito eficaz de almacenar elementos que deben buscarse e recuperarse posteriormente de forma rápida.

  6. [MAR]
    1. s f

      Cada un dos paos redondos fixados verticalmente nunha nave, que sosteñen as velas e as vergas, especialmente dunha embarcación de pesca.

      Ex: Escachou a árbore do barco e o capitán mandou volver a porto.

      Sinónimos: mastro.
    2. árbore mestra

      O pao máis alto da nave, pau maior.

    3. árbore seca

      Árbore sen velas.

  7. s f [MAT]

    Gráfico conexo (sen puntos illados) e acíclico (sen circuítos). Unha árbore ten un único vértice sen predecesor, chamado raíz. Os outros vértices (denominados nódulos ou nós) teñen un número variable de sucesores (ramas) e un só predecesor. Úsanse para representar cadeas de probabilidade ou estratexias dun proceso de busca heurística e resultan especialmente útiles na modelización de procesos de decisión. Tamén se empregan en gramática (árbores de derivación das oracións na Gramática Xenerativa), en lóxica (enunciados dun sistema dedutivo), e na análise de programas de ordenador.

  8. [QUÍM]
    1. s f

      Nome dado a diversas cristalizacións dendríticas.

    2. árbore de Diana

      Amálgama de prata cristalizada, de forma arborescente.

    3. árbore de Marte

      Precipitado arborescente de silicato de ferro.

    4. árbore de Saturno

      Cristais pequenos de chumbo, agregados de forma arborescente.

    5. árbore de Venus

      Cristais arborescentes de silicato de cobre.

    6. árbore de Xúpiter

      Agregado arborescente de cristais de estaño.

  9. s f [TECNOL]

    Peza en forma de barra, xeralmente vertical, que soporta partes dun artefacto dispostas ao seu redor.

  10. [TECNOL]
    1. s f

      Peza dun mecanismo, xeralmente en forma de barra, que transmite a outra peza o movemento aplicado á primeira, en moitos casos transformándoo. As árbores son as pezas mécanicas comúns a unha maior cantidade de aparellos e preséntanse baixo formas e dimensións moi variables. Os materiais empregados para a súa fabricación varían desde as xemas ou o carburo de tungsteno, para certas aplicacións de mecánica de precisión, ata as superaliaxes empregadas, por exemplo nas turbinas. Por razóns construtivas, ou para diminuír o peso, soen ser baleiradas co mandril.

    2. árbore cegoñal

      cegoñal.

    3. árbore de transmisión (articulada)

      Peza mecánica capaz de transmitir o movemento entre dous eixes non aliñados e, en xeral, con posicións relativas variables, en ángulo ou en distancia. Consta dun par de xuntas universais, situadas en cada un dos seus extremos, unidas entre si mediante unha árbore telescópica. Son moi utilizadas nos automóbiles e camións para transmitir o movemento dende o cambio de velocidades, directamente ás rodas (vehículo de tracción dianteira), ou á ponte posterior (vehículo de tracción traseira).

    4. árbore flexible

      Árbore constituída fundamentalmente por un cable, por resortes helicoidais ou por un conxunto de elementos articulados, recubertos por unha funda metálica e flexible. As árbores flexibles empréganse para transmitir movementos de rotación, por exemplo, a unha ferramenta que necesite variar constantemente a súa posición respecto ao motor; ademais permiten traballar zonas que doutra maneira serían inaccesibles.

    5. árbore intermediaria

      Árbore que, nun sistema de transmisión, é movida por unha árbore motora e transmite o movemento a unha árbore receptora. A árbore intermediaria pode estar disposta en paralelo ás árbores motora e receptora ou coaxialmente respecto destas, constituíndo unha liña de árbores.

    6. árbore intermediaria dun reductor

      Árbore disposta en paralelo ás árbores primaria e secundaria nun redutor ou nun cambio de marchas que transmite, coa oportuna redución, o movemento da primeira á segunda.

    7. árbore motor/conductora

      /

    8. árbore motora

      Árbore que recibe directamente o movemento dende a fonte de enerxía. Nos motores eléctricos, a árbore motora é a árbore do rotor e, nos endotérmicos, o cegoñal.

    9. árbore movida/conducida/ receptora

      Nun sistema de transmisión, árbore que recibe o movemento doutra árbore.

    10. árbore primaria/de entrada

      Árbore que, nun redutor ou nun cambio de marchas, recibe directamente o movemento dende a fonte de enerxía.

    11. árbore secundaria

      Árbore que, nun redutor ou nun cambio de marchas, recibe o movemento da árbore primaria ou da árbore intermediaria (ou das dúas árbores á vez).

    12. árbore telescópica

      Árbore composta de dúas ou máis pezas que se deslizan unha dentro doutra, o que permite variar a lonxitude desta. Algunhas fresas, por exemplo, están provistas dunha árbore telescópica para permitir o movemento vertical da táboa.

    13. liña de árbores

      Conxunto de dúas ou máis árbores, xeralmente coaxiais, que cooperan mediante un sistema de encaixe.

  11. [TECNOL]
    1. s f

      Nome que se aplica, por extensión, ao eixe.

    2. árbore de levas

      Eixe que ten como finalidade transmitir o movemento a unha máquina facendo xirar unha ou máis levas.

  12. análise sintáctica en árbore [LING]

    Diagrama en forma de árbore que representa os constituíntes inmediatos da oración, cláusula ou frase. Dentro desta orientación resulta básica a formalización da gramática sintagmática, ou seguir basicamente a partición da oración en constituíntes inmediatos, que se fai mediante unha sucesión de esquemas bimembres. A árbore representa o proceso de tal forma que, dun nó principal parten sucesivamente ramas ata os outros elementos dos que este se compón, atendendo ás súas funcións con respecto aos outros elementos.

  13. árbore bronquial [ANAT]

    Conxunto anatómico formado polos bronquios e as súas ramificacións.

  14. árbore da ciencia do ben e do mal [RELIX]

    Unha das árbores do Paraíso Terreal, que producía o froito prohibido por Deus a Adán e Eva.

  15. árbore da cruz [ARTE/RELIX]

    Figuración alegórica, aparecida xa nos ss II-III, que se basea na comparación de Adán con Xesús e da Árbore do Ben e do Mal coa Cruz do Calvario, identificando a madeira de ambas. Existen representacións artísticas (como nas catedrais de Nôtre Dame de París, Toledo, Troyes e Barcelona) nas que aparece Set, último fillo de Adán, recibindo do anxo gardador do Paraíso as sementes da Árbore da Ciencia do Ben e do Mal e plantándoas sobre o cadáver de Adán. De aí xurdirían as tres árbores novas que acabarían proporcionando a madeira da Cruz do Calvario, na que foi sacrificado Cristo.

  16. árbore da liberdade [HST]

    Árbore que se planta nun lugar público como emblema da conquista dunha liberdade. Este costume iniciouse durante a Revolución Francesa (1789) e foi retomado nas revolucións do 1830 e 1848, difundiuse logo por Europa e América.

  17. árbore da vida [ANAT]
    1. Formación anatómica arborescente que presentan as eminencias das paredes anterior e posterior da cavidade do colo uterino.

    2. Forma arborescente na que as materias gris e branca aparecen nunha sección vertical do cerebelo.

  18. árbore da vida [RELIX]

    Árbore situada no medio do Paraíso Terrenal, que había asegurar a inmortalidade da primeira parella, Adán e Eva, se non tivesen pecado.

  19. árbore de amarre [AERON]

    Torre metálica que servía para suxeitar un dirixible, permitíndolle orientarse respecto á dirección do vento.

  20. árbore de dous tempos [TÉXT]

    Árbore que, nas selfactinas, determina o movemento do carro nas súas evolucións de subida e baixada.

  21. árbore de lume [TECNOL]

    Construción de madeira formada por unha barra vertical, con listóns horizontais, onde se colocan os foguetes artificiais.

  22. árbore de maio [ETN]

    Conmemoración tradicional que se realiza nos primeiros días do mes de maio, consistente na entronización solemne dunha árbore da especie máis común na rexión.

  23. árbore de Nadal [TECNOL]

    Conxunto de condutos, chaves e espitas, colocadas na boca dun pozo de petróleo do que saen os oleodutos.

  24. árbore de Porfirio

    Diagrama destinado a ilustrar a subordinación lóxica dos conceptos, desde a substancia considerada como xénero supremo ata o individuo, a través dunha serie de intermediarios (por exemplo, corpo, animado, animal, home), cada un dos cales é á vez un xénero respecto ás especies inferiores e unha especie respecto aos xéneros superiores, ata a derradeira especie ou “especie especialísima” (no exemplo dado, o home), que non ten máis ca os individuos por baixo dela.

  25. árbore de Xesé [ARTE/RELIX]

    Árbore xenealóxica de Xesús a partir de Xesé, pai de David. É un motivo iconográfico recorrente dende o s XI ata o s XVI nas miniaturas que ilustran textos bíblicos medievais, en vidreiras, esculturas e pinturas.

  26. árbore do Nadal [ETN]

    Abeto ou árbore similar que se adorna con luces e obxectos luminosos. É un dos elementos decorativos do Nadal máis importantes dos fogares occidentais.

  27. árbore do Paraíso [ARTE]

    Columna central do parteluz do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, labrada en mármore. Na base está representada unha figura que suxeita dous leóns (iconografía de antiquísima orixe mesopotámica) que uns identifican coa figura cristiá de David e outros co pagán Heracles; na parte posterior aparece unha escultura axeonllada, coñecida como “santo dos croques” e considerada como autorretrato do Mestre Mateo, en devota actitude cara ao altar maior. O tema artístico desenvolto na columna é a árbore de Xesé, que narra, segundo a profecía de Isaías, a xenealoxía de Xesús representada en sentido ascendente: comeza pola figura de Xesé deitado, a quen lle agroma do ventre a árbore; continúa con David representado como músico e Salomón coas pernas cruzadas como xuíz, chegando ata a Virxe, á que coroa en compaña de dúas parteiras; a Trindade, representada na parte superior, remata a composición xenealóxica. Sobre o capitel sitúase a figura sedente de Santiago, con túnica e manto realizados coa técnica de “panos mollados”, e coroado por nimbo de ouro; leva báculo na man esquerda e un pergamiño na dereita coa lenda “misit me dominus” xustificando a súa presenza en Galicia, tan afastada da súa terra de orixe. Esta obra anuncia o crecente interese pola figuración que se observa no Románico da última época, que conduce ao Naturalismo da representación gótica.

  28. árbore eléctrica [TECNOL]

    Dispositivo de emparellamento eléctrico entre dúas ou máis árbores rotativas que ten a función de asegurar o sincronismo entre elas. Cada árbore é impulsada por un motor polifásico de forma que todos os estatores son alimentados pola rede e todos os rotores quedan conectados en paralelo.

  29. árbore filoxenética [BIOL]

    Esquema que representa as relacións de parentesco entre as especies; comeza por un tronco, que representa a especie ancestral, subdividido en pólas a medida que aparecen novas especies na descendencia. Este modelo evolutivo substituíu o modelo medieval da Gran Cadea do Ser, que dispuña as cousas vivas segundo unha xerarquía.

    Confrontacións: cladograma.
  30. árbore xenealóxica [HERÁLD/ARTE]

    Representación gráfica da xenealoxía dunha familia mediante o debuxo dunha árbore, na que as pólas representan as xeracións que, xurdindo do tronco, orixinan novas pólas. No templo de Karnak (Exipto) consérvase un antigo exemplo. Adoitábase representar nas casas romanas. A arte cristiá xeneralizou a Árbore de Xesé como motivo iconográfico nas representacións de xenealoxías reais e nobres. Polo xeral, o nome do primeiro ascendente figura na raíz ou na estirpe, onde tamén se representa o dos consortes. No tronco póñense, en orde ascendente, os primoxénitos de cada xeración, dos que derivan cadansúa póla, cos irmáns e irmás. Outras veces a árbore ten un sentido invertido. Para o ingreso nas ordes militares e de cabalería e para obter prebendas eclesiásticas, había que amosar a nobreza e a pureza de sangue, o que orixinou formas diversas de árbores xenealóxicas, entre outras a árbore xenealóxica “de costados” e a “circular diverxente”.

  31. árbore xenealóxica das linguas [LING]

    Metáfora coa que os comparatistas de mediados do s XIX, en particular A. Schleicher, representaban a evolución dunha familia de linguas, considerada como un proceso de particións sucesivas dunha lingua común en diversas linguas que desde entón seguirían un curso independente. Hugo Schuchardt (1866 e 1870) e Johannes Schmidt (1872) rexeitaron esta imaxe amosando que as liñas fundamentais de participación dos dialectos se entrecruzan dunha maneira demasiado complicada e que hai que pensar en moitos procesos de asociación e reagrupación das linguas.

  32. baile da árbore [ETN]

    Baile circular feito ao redor dunha árbore.

  33. festa da árbore [ETN]

    Festa destinada a inculcar o respecto ás árbores desde a infancia. Preténdese dotala dun sentido cívico e educativo. A primeira foi celebrada en Nebraska (1872).

Frases feitas

  • Ir a ramo as árbores. Arraigar, enraizar.

Refráns

  • A árbore ruín non dá" máis que ruín froito.
  • A árbore sen codia é coma a muller sen vergonza.
  • Á árbore sen froito chámolle leña para o lume.
  • Arbore de bo natío cobre un palmo e paga cinco.
  • Arbore sen frol é coma dia sen SOl.
  • Coma as árbores son as persoas: uns dan sombra ou froitos; e outros, nin sombra nin froitos.
  • Non plantes árbores nin amanses poldros nin chúfe-Ia muller doutro.
  • Non plantes árbores nin amanses poldros nin chúfela muller pouco nin moito.
  • Os alciprestes, coma os fidalgos, poucos, sós e altos.
  • Quen a boa árbore se achega, ben acobexa.