ardora

ardora

(< ardor)

  1. s f

    Luminosidade ou fosforescencia que ás veces se ve no mar debido ao movementos dos peixes ou doutros organismos.

    Sinónimos: ardentía.
  2. á ardora [PESCA]

    Procedemento propio da pesca tradicional na localicación dos bancos de peixe, principalmente da sardiña. Realízase nas noites de lúa chea, cando a claridade permite atopar os cardumes ou bancos deste peixe pola fosforescencia que os seus movementos producen ao transitar cerca da superficie. O patrón da lancha ou barco sitúase na proa, ollando a superficie; nese momento indícalle a un mariñeiro que golpee o mar co pandullo ou balo, e as sardiñas, asustadas polo impacto e ruído, escapan cuns movementos rápidos, producindo esa ardentía no mar. Os expertos poden determinar a que distancia da superficie está o banco e mesmo de que tipo de peixe se trata, tan só polo movemento desa fosforescencia. Historicamente, ir á ardora e o emprego do pandullo xerou numerosos litixios entre a clase mariñeira debido a que, ao golpear o mar os bancos de sardiña se asustaban e abandonaban o espazo das rías, prexudicando así a outros mariñeiros que se dedicaban a pescar polo día. A xeneralización da práctica ilegal da dinamita nas faenas de pesca foi aínda máis alá na desertización das rías, ademais dos perigos que a súa práctica implicaba. En 1912 houbo un importante problema nas costas galegas que enfrontou aos mariñeiros das traíñas cos da ardora. Os primeiros enviaron unha comisión ao ministro de Mariña, solicitándolle que prohibise a pesca á ardora e o sistema chamado embalo, conseguindo os traiñeiros unha prohibición que non se mantería durante moito tempo.

Palabras veciñas

Ardolino, Emile | Ardon, Mordechai | ardor | ardora | ardoroso -sa | Ardrey, Robert | Ards