Areas, ponte

Areas, ponte

Ponte situada sobre o río Tea na parroquia de Ponteareas, no concello do mesmo nome; recibe tamén os nomes de ponte Vella e ponte dos Remedios. Trátase dunha ponte de catro arcos, dos que os da marxe esquerda conservan a forma oxival e os da dereita achéganse máis ao medio punto. Está acrecentado con cinco desaugadoiros lintelados con eixes que forman distintos ángulos co eixe principal da ponte. Os piares, moi robustos, rematan en tallamares triangulares augas arriba; augas abaixo, os piares non sobresaen do plano de tímpanos. Os tímpanos son de cadeirado recto, coas pezas colocadas a soga, agás na reconstrución do cuarto arco na que o aparello non é tan regular. Os peitorís son de factura desigual. Existe unha discusión sobre a súa posible orixe romana, se ben non se conservan evidencias desa época na ponte. Ben ao contrario, as marcas de canteiro en perpiaños e o estilo construtivo mostran que estamos diante dunha obra dos séculos XIV ou XV, dato coincidente coa reactivación do mercado feiral. Forma parte do antigo camiño que unía os portos do sur de Galicia co interior, concretamente no treito que enlazaba A Cañiza con Porriño ao seu paso polo concello de Ponteareas; sen embargo, na actualidade o seu único uso é peonil.

Palabras veciñas

Areas Longas | Areas, As | Areas, illote das | Areas, ponte | areca | arecáceo -a | arecaidina