arianismo
Doutrina relixiosa que recibe o nome por referencia a Ario, presbítero de Alexandría excomungado xunto cos seus seguidores polo Patriarca Alexandre entre os anos 318 e 319. O principio fundamental do Arianismo era a afirmación da unicidade e da transcendencia de Deus. O conflito que entrañaban as predicións de Ario radicaba no modo en que configuraba as relacións entre Deus e o seu Fillo, o Verbo feito home; segundo os arianistas, o Fillo de Deus non gozaba da mesma esencia do Pai, senón que se trataba dunha divindade subordinada, enxendrada como mortal. Deste xeito, o Fillo de Deus non é igual ou consubstancial ao Pai, senón semellante a El. Esta doutrina espallouse máis en Oriente ca en Occidente. Atanasio de Alexandría, que atacou o Arianismo, argumentaba que destruía a Doutrina Cristiá sobre Deus, porque supoñía que a Trindade non era eterna. O Arianismo foi heretizado no Concilio de Nicea (325), que estableceu o Credo, onde se afirma que o Fillo é “concibido, non feito” e consubstancial, homoúsios (gr ὁ μοούσιος) οu da mesma substancia, co Pai. A pesar da súa condena, o ensino de Ario non se extinguiu, en parte debido á interferencia de políticas imperiais como a do Emperador Constantino I, que revocou a orde de exilio que pesaba sobre Ario (334); Eusebio de Nicomedia, Patriarca de Constantinopla, tamén se converteu en líder ariano. O Arianismo comeza a esmorecer á morte dos emperadores Constancio II e, sobre todo, Valente (378). A reflexión teolóxica de Basilio de Cesarea, Gregorio de Nazianz e Gregorio de Nissa levaron á superación da controversia, que concluíu co edicto Cunctos populos de Teodosio (380) e no segundo concilio de Constantinopla (381), quedando o Arianismo relegado a territorios marxinais do Imperio Romano, a maior parte en contacto con pobos bárbaros xermánicos que adoptan a herexía antes de se converter ao Cristianismo, agás os dirixidos por Clodoveo, propagándoa na súa expansión. Durante a segunda metade do s V, reinando os suevos en Galicia, o apóstata gálata Aiax comezou, baixo protección visigoda, a difundir o Arianismo polo noroeste da Península Ibérica. O credo de Ario callou entre a poboación sueva, que deste xeito quedou enfrontada coa galaicorromana que, agás priscilianistas e outros maniqueos, permaneceu na ortodoxia. Non parece casual que a falta de información do Regnum da Gallaecia (Galliciense Regnum) que se observa nas crónicas de santo Isidoro comece cara ao 469, polos tempos do triunfo do Arianismo entre os suevos; a narración retómase a partir do 550, ano da conversión do ariano Charrarico ao Catolicismo, e con el o resto dos suevos, para o que resultou decisiva a intervención de san Martiño de Dumio. O Arianismo sobreviviu entre os godos: os visigodos, reinando Recaredo, aceptaron a ortodoxia no terceiro concilio de Toledo (589); os ostrogodos convertéronse a comezos do s VII.