Ariane

Ariane

Foguete espacial lanzasatélites construído en 1973 como resultado dunha iniciativa francesa, coa colaboración de dez estados europeos dentro do marco da Axencia Espacial Europea (ESA, European Space Agency), e baixo a dirección técnica do Centre National d’Études Spatiales francés. Desde 1980, a comercialización diríxea a sociedade Arianespace, da que son accionistas as empresas españolas CASA, CRISA e SENER, cunha participación do 2’47%; en total, unhas 40 compañías europeas están comprometidas no seu desenvolvemento e construción. Todos os lanzamentos efectúanse desde o centro espacial de Kourou, na Güiana Francesa, que conta con varias rampas de lanzamento. O proxecto, que substituíu ao dos lanzadores Europa, tiña desde o principio o obxectivo de dispoñer dun foguete europeo que permitise situar en órbita satélites de uso comercial ou científico, especialmente destinados ás telecomunicacións a baixo custo e competindo coas lanzadeiras espaciais norteamericanas. O modelo pioneiro, o Ariane-1, era capaz de situar en órbita de transferencia unha carga útil de 1.700 kg. O primeiro lanzamento efectuouse en decembro de 1979. Para adaptarse ao incremento no tamaño dos satélites, dende 1981 desenvolvéronse modelos máis potentes, o Ariane-2 e o Ariane-3, capaces de situar en órbita de transferencia 2.200 e 2.600 kg respectivamente. O éxito comercial do foguete Ariane estimulou o desenvolvemento do Ariane-4, que entrou en servizo no 1988, e que incrementaba a capacidade de carga ata os 4.800 kg. En 1996 foi lanzado o primeiro Ariane-5, que estoupou segundos despois do ascenso e supuxo a destrución dos catro satélites da misión Cluster. Malia este incidente, a investigación no proxecto Ariane-5 continúa, estando previsto o lanzamento a finais do 2001. Esta nova xeración de foguetes Ariane permitirá o aumento da capacidade de carga ata os 11.000 kg. Dentro do programa Ariane tamén se inclúe o proxecto Vega, deseñado para a posta en órbita de satélites de menor tamaño (1.000 kg).

Palabras veciñas

Ariadna | Ariadna | Ariana | Ariane | Arianespace | arianismo | Arianitides