árido -da

árido -da

(< lat arĭdu)

  1. adx Antónimos: feraz, fértil.
    1. Desprovisto de humidade.

      Ex: Non conseguimos atopar ningunha fonte nesta rexión tan árida.

      Antónimos: feraz, fértil.
    2. Sen vexetación.

      Ex: Un monte árido non é rendible economicamente.

      Sinónimos: estéril. Antónimos: feraz, fértil.
  2. adx

    Desprovisto de amenidade.

    Ex: Analizamos un texto tan árido que non atopamos información relevante.

  3. zona árida [XEOG/BIOL]

    Área afectada por un clima que se caracteriza por precipitacións escasas ou nulas. A menor ou maior aridez depende da cantidade de chuvia e da intensidade da evaporación que está en relación coas temperaturas. Establecéronse índices climáticos propiamente xerotérmicos, como os de Martonne, que poñen en relación os de chuvias anuais ou mensuais cos de temperatura, ou os de Tornthwaite, que relacionan as chuvias coa evaporación e a transpiración dos seres vivos (evapotranspiración). Algúns xeógrafos e climatólogos miden a importancia da aridez de acordo con feitos vinculados ao clima: a existencia dunha circulación de augas reducida ou a total inexistencia desta (arreísmo), como fixo Martonne ou a vexetación natural, como fixo Koeppen. Peveril Meigs (1952) estableceu tres gradacións de menor a maior aridez: zonas semiáridas, áridas e moi áridas; as dúas últimas soen constituír, se non actúan factores que motiven unha poboación excepcional, o que se denomina deserto. Aos sectores moi áridos (interior do Sáhara, a franxa litoral do Namib, a franxa litoral do Perú central e meridional e Atacama, entre outros lugares) aféctalles unha situación anticiclónica constante (desertos interiores) ou correntes relativamente frías que se afastan do seu punto de condensación ao entraren en contacto coa terra firme (desertos costeiros). A precipitación en forma de rosada, pode asegurar a vida dalgunhas plantas e incluso dalgúns cultivos. As xeoformas das zonas áridas son moi características: os contrastes térmicos provocan un proceso de súbita dilatación e contracción das rochas, culminando na conseguinte abundancia de materiais clásticos; o grande axente de transporte e depósito é o vento; a auga, recollida en correntes temporais (uadi), é pouco importante, agás cando actúa en forma laminar, como un manto acuífero, ocasionando amplas superficies de erosión, que poden chegar a constituír verdadeiros pediplanos. Os sectores con depósitos detríticos (desertos de area, con abundancia de dunas) contrapóñense aos sectores rochosos (desertos de pedra). O home ocupou algúns sectores áridos e moi áridos, pero con asentamentos exclusivamente puntuais. A agricultura, cando se pode aproveitar a auga procedente de cursos superficiais, aos pés de montaña ou de depósitos subterráneos, aparece localizada en determinados puntos (oasis), ás veces alimentados por canles ou captacións cubertas. Nalgúns casos pode existir unha agricultura itinerante. Os organismos que viven baixo as condicións propias das zonas áridas teñen que posuír unhas adaptacións moi peculiares para a obtención da auga e dos alimentos e para a conservación de reservas hídricas suficientes. Os animais aforran auga ao máximo, e nalgúns casos chegan a producir a que necesitan por vía metabólica. Teñen reducida ao mínimo a superficie de transpiración e excretan só produtos secos ou con moi pouca auga. Moitos vexetais son terófitos, cun ciclo curto que se realiza durante os períodos húmidos; outros dispoñen de raíces que se estenden nun gran volume de terra ou ben se afondan moito nos substratos finos para alcanzar as capas de auga permanente, mentres que as súas follas son moi reducidas ou ausentes; nalgúns casos teñen unha reserva de auga.

Palabras veciñas

Arico | aridez | Aridjis, Homero | árido -da | Áridos | Ariège | Ariel