arma

arma

(< lat arma)

  1. [BÉL]
    1. s f

      Instrumento, especialmente o fabricado a propósito para atacar ou defenderse. Segundo a súa finalidade as armas poden clasificarse en: armas defensivas, para protexer individualmente (escudo, armadura, casco, máscara antigás) ou ben colectivamente (antimísil), e armas ofensivas, destinadas ao ataque. Segundo o manexo, as armas ofensivas poden ser: armas de man (bastón, maza, porra, machada, tomahawk, alfanxe, alabarda, puñal, daga) e armas arreboladizas ou de tiro, de acción a distancia do atacante; segundo o método de propulsión, as armas arreboladizas clasifícanse en: impulsadas a man (tirafonda, arpón, venabre, lanza, boleadoras búmerang, bomba de man, bomba de gases lacrimóxenos, cóctel Molotov); provistas de resorte (arco, catapulta, tirador, bésta); pola acción da gravidade (tipos de ariete, trabuco, bomba de aviación); por impulsión pneumática (tiratacos, escopeta e pistola de aire comprimido, canón de vapor de Arquímedes e Leonardo, camión cisterna antimanifestacións); pola utilización da forza expansiva dun explosivo químico (armas de fogo: bombarda, arcabuz, canón, mosquete, morteiro, fusil, escopeta, pistola, revólver, metralladora), a súa ignición provócase por mecha, chispa que se obtén por fricción ou percusión de sílex ou pedernal, ou pola acción dun fulminante; e, finalmente, armas autopropulsadas (torpedo, mísil levado por fío), das que algunhas son teledirixidas (tanque automático) ou autodirixidas (torpedos e mísiles). A acción das armas ofensivas pode ser por contusión (pedra, porra, garrote), por corte (sabre), por perforación (lanza, frecha, bala oxival), por explosión (bomba, granada), por acción biolóxica ou fisiolóxica (dardos velenosos, armas biolóxicas, gases lacrimóxenos, vesicantes e asfixiantes, radiación) e incendiarias (fogo grego, bomba incendiaria, napalm). A especialización das armas e tamén das ferramentas de traballo veu determinada pola aparición das culturas sedentarias de base económica agrícola, coa guerra como institución. Os ss XV e XVI representan o establecemento definitivo da arma de fogo: desenvólvense a artillería e as armas portátiles (arcabuz). O proceso de rearmamento entre 1870 e 1914 deu un gran perfeccionamento a todo tipo de arma. Neste momento apareceu a arma aérea, mellorada aínda durante a guerra (1939-1947), onde foron empregadas as primeiras nucleares. Os primeiros tipos de arma naval foron de orixe terrestre e implicaban a abordaxe dos barcos. A primeira arma, especialmente naval, foi o esporón; foino tamén o fogo grego, empregado polos bizantinos e os árabes. Coa aparición do canón (s XIV) e a súa incorporación aos barcos, modificouse substancialmente a táctica naval. No s XVI o armamento principal estaba constituído polos piqueiros e os arcabuceiros. Como a arma especificamente naval (máis ben era un tipo de barco) apareceu no s XVI, o brûlot, mantívose ata finais do s XVII. Como antecesores do torpedo propulsado (ss XIX e XX), ao mesmo tempo que da mina submarina (s XIX), cómpre citar a mina de auga, o torpedo diverxente e o torpedo remolcado. Desde a aparición do embrión de submarino de Bushnell, este tipo de barco revolucionou as armas navais e apareceron numerosas armas submarinas e antisubmarinas. Entre as armas submarinas están o torpedo e os mísiles. Como armas antisubmarinas, deixando a un lado as que teñen por misión a localización do submarino (sonar, asdic, hidrófonos), cómpre mencionar a carga de profundidade, o squid, a mina submarina, os ourizos e os foguetes tipo Ascoc. Xeralmente, os estados establecen determinadas limitacións nas súas lexislacións comúns relativas á fabricación, venda, introdución no país, uso, disposición e tenencia de armas, especialmente das de fogo. Considéranse á parte as armas de caza, que se rexen por unha lexislación especial, e as de valor artístico ou histórico. O Código de Conduta aprobado pola Unión Europea en maio de 1998 fixa oito criterios para determinar se un país debe ser receptor de armas: a vixencia dun embargo internacional, o respecto aos dereitos humanos, a existencia de tensións ou conflitos internos, o risco de desestabilización rexional, a seguridade dos países da Unión Europea e dos seus aliados, a actitude ante o terrorismo, o perigo de desviación cara a un terceiro país e o excesivo peso dos gastos militares. Non obstante , os propios asinantes deste Código manteñen a algún dos 48 países que non cumpren o criterio de venda de armamento ou dos 49 que deben ser sometidos a un control escrupuloso. No caso de España, por exemplo, vende armas a 15 países do primeiro grupo: Alxeria, Angola, Arabia Saudí, China, Colombia, Emiratos Árabes Unidos, India, Indonesia, Irán, Israel, Kuwait, Myanmar, Omán, Paquistán e Turquía.

    2. arma atómica

      Impropiamente, arma nuclear.

    3. arma automática

      Arma de fogo na que a forza do gas producido pola carga de lanzamento provoca a expulsión do proxectil da recámara e a sucesiva recarga sen intervención do tirador.

    4. arma bacteriolóxica

      Medio de emisión de bacterias provocadoras de enfermidades utilizado con finalidade bélica ( guerra bacteriolóxica).

    5. arma biolóxica

      Axente agresivo constituído por organismos vivos (principalmente microorganismos) ou polas súas toxinas, capaz de producir infeccións que incapacitan ou matan gran número de seres vivos. Entre as enfermidades que parecen ser máis efectivas, dirixidas contra o home, figuran: o ántrax, a psitacose e a tularemia.

    6. arma branca

      Arma de man que fere coa punta ou co fío como a espada, a daga, o puñal, o sabre e a baioneta, entre outras.

    7. arma convencional

      Arma bélica con respecto á que non se discutiu ou prohibiu a súa utilización por acordo marco ou organización internacional. Quedan excluídas as nucleares, as químicas e as biolóxicas.

    8. arma de fogo

      Arma que expele un proxectil por medio da expansión de gases formados pola combustión da carga de pólvora, como por exemplo unha escopeta, unha metralladora ou unha peza de artillería.

    9. arma de repetición

      Arma de fogo na que a introdución do cartucho na recámara non se fai manualmente cada vez que se dispara, senón que se realiza coa única manobra do obturador ata o esgotamento dos cartuchos contidos nun depósito incorporado á arma.

    10. arma nuclear

      Artefacto de guerra especialmente concibido para causar a destrución e a morte por radiación térmica, por onda de choque ou polos efectos da radioactividade. A súa forza destrutiva provén dunha reacción nuclear en cadea que dá orixe a unha liberación enerxética de gran magnitude. Considéranse armas nucleares tanto as de fisión (bomba nuclear), como as de fusión (bomba termonuclear), as que combinan os efectos de fusión e fisión, e as de neutróns (bomba de neutróns). Dada a súa potencia, as armas nucleares ordénanse desde as que son de fracción de quilotón e as de decenas de megatón. As armas de fusión, e especialmente as FFF (fisión-fusión-fisión), son dunha potencia milleiros de veces ca as de fisión. Os progresos acadados na precisión dos lanzamentos, feito que comporta a mellora do rendemento destrutivo, fixo que progresivamente se reducisen as potencias. Segundo o alcance do vector (mísil), as armas nucleares clasifícanse en: armas estratéxicas (as de maior alcance), armas de teatro de operacións e armas tácticas (as de menor alcance), que son aquelas que poden ser lanzadas desde avións, pezas de artillería ou mediante mísiles terra-terra. Outro tipo de armas nucleares son as minas ou artefactos de demolición nuclear, e as armas antiaéreas ou antimísiles. Tamén existen armas nucleares que se empregan en torpedos e cargas de profundidade.

    11. arma química

      Axente tóxico producido por síntese química que se emprega como arma para producir a morte ou a incapacidade dos combatentes ou da poboación civil. As armas químicas (gases, sólidos ou líquidos) son dispersadas mediante atomización por vía aérea, ou mediante proxectís, bombas, bombas de fume, foguetes e outros artefactos. De acordo coa súa maneira de actuar, os axentes divídense en: neuroparalizantes (inhibidores da colinesterasa), hemolíticos, sufocantes ou asfixiantes, vesicantes, lacrimóxenos, vomitivos e incapacitantes psicotomiméticos.

    12. arma real

      Arma empregada antano nos torneos.

    13. arma teledirixida

      mísil.

  2. Calquera elemento que serve para atacar ou defenderse.

    Ex: Utilizou a cadeira como arma para repeler o golpe. Defendeuse coas súas armas naturais: os puños e os pés.

  3. s f

    Medio do que un se serve para vencer ou para conseguir algunha cousa.

    Ex: Facer armas do dereito e da xustiza.

  4. [BÉL]
    1. s f

      Cada unha das seccións en que se divide un exército por razóns de armamento, de organización e das diversas maneiras de combater. Na maioría dos países, as armas coas que conta o exército de terra son: infantería, cabalería, arma acoirazada, artillería e enxeñeiros.

    2. s f pl

      Profesión militar.

      Ex: O honor das nosas armas.

      Sinónimos: milicia.
  5. [HERÁLD]
    1. s f pl

      Insignia, escudo ou brasón que é distintivo de persoas, familias, cidades, corporacións, entidades e estados.

    2. armas arbitrarias

      Armas usadas sen dereito, por atribución propia.

    3. armas de agregación

      Armas unidas a un escudo primitivo.

    4. armas de apropiación/apaño

      Armas que portan os príncipes de sangue pertencentes a ramas secundarias da familia real; para indicar o grao familiar empregan brisuras no escudo.

    5. armas de concesión

      Armas que, pertencendo aos soberanos, foron incorporadas parcial ou totalmente ás propias, por razóns de merecementos especiais.

    6. armas de devoción

      Armas tomadas polos eclesiásticos para representar un ideal ou unha guía da súa vida.

    7. armas de dignidade

      Armas inherentes a determinados cargos que serven para recoñecer os seus posuidores.

    8. armas de familia/de liñaxe

      Armas correspondentes a unha liñaxe, individuo ou título.

    9. armas de pretensión

      Armas de lugares, rexións ou países sobre os que un príncipe ou un estado pretende ter dereitos sen posuír o seu dominio.

    10. armas de soberanía/de dominio

      Armas usadas polos príncipes soberanos ou os estados.

    11. armas falantes

      Armas que representan simbolicamente o nome da familia, da cidade ou dunha entidade.

    12. armas falsas

      Armas que contraveñen, a mantenta, as regras heráldicas.

  6. armas reservadas [HIST]

    Armas invertidas como indicación de que o cabaleiro ao que pertencen foi vencido e, polo tanto, queda deshonrado.

  7. feito de armas

    Combate.

  8. mestre de armas

    O que ensina a arte da esgrima.

  9. praza de armas

    Lugar destinado a exercicios militares.

  10. sala de armas

    Local onde o mestre de armas dá as clases e se practica a esgrima.

  11. xente de armas

    Soldados.

Frases feitas

  • Arma de dous fíos/gumes. Asunto co que hai que ter coidado porque pode beneficiar ou prexudicar.

  • Alzarse en armas. Sublevarse.

  • Pasar polas armas. Fusilar.

Refráns

  • Arco sempre armado, ou frouxo ou crebado.
  • Arma de fogo, alonxada: que o demo pode cargala e descargala.
  • Arma moi quente é fácil que rebente e fira ao máis valente.
  • Arma que recúa e pegue ¡O diaño que a leve!
  • Arma que recúa e pegue ¡O diaño que a merque!
  • Arma que recúe ¡O demo que a ature!
  • Armas e diñeiro queren boas mans o
  • Armas e diñeiro requeren mans de ferro.
  • As armas, o demo as carga e o diaño as dispara.
  • Ás veces miran máis as armas cás barbas.
  • Pólvora, pouca; e munición, ata a boca.
  • Unha arma para abrires pasb, non está mal por se acaso.