arnés
(< fr harnais < escandinavo*herrnest)
-
s
m
[BÉL]
Conxunto de armas defensivas (agás o escudo) do home ou do cabalo. Aplicado particularmente ao revestimento protector do corpo do combatente da Idade Media e do Renacemento. Dende o s IX ata o XIII os guerreiros protexían o corpo coa loriga, túnica de escamas, e moito máis a miúdo de mallas, e a cabeza co helmo primitivo, casco bicudo cunha certa tendencia cónica, a miúdo provisto do nasal, que defendía gran parte da faciana. No s XIII, a loriga, co fin de evitar que se oxidase e quentase demasiado, cubriuse co perpunto, túnica bastante forte que algúns cabaleiros levaban como única protección. En lugar do helmo apareceron: o grande helmo en forma de tonel, que cubría totalmente a cabeza e que era tan incómodo que se reservou para manifestacións ostentosas; o lixeiro sombreiro de ferro, ou ben o capacete, casco semiesférico e moi cinguido. As defensas subsidarias aumentaron cada vez máis, para protexer pernas e brazos (con pezas de coiro fervido e de metal ríxido). No s XIV o armamento sufriu grandes cambios, provocados pola aparición de novas armas ofensivas. Por riba da loriga vestíanse unhas defensas de torso cinguidas, que son sen dúbida as primitivas coirazas. Entre 1370 e 1390 o armamento cabaleiresco recibiu a influencia do que chamaron arnés ao xeito francés introducido principalmente polas compañías francesas de Bertrand du Guesclin e as inglesas do Príncipe Negro, que levaron ás grandes innovacións da primeira parte da Guerra dos Cen Anos. No s XV introduciuse o arnés branco, que cubría da cabeza aos pés o corpo do cabaleiro con pezas de ferro ou de aceiro pulido, armaduras a miúdo importadas de Italia, principalmente de Milán. Este tipo de arnés pesaba de 20 a 30 kg. A mediados do s XV, cando o cabaleiro non levaba ombreiras (grandes pezas que defendía os ombreiros e que se prolongaban para protexer a parte superior do lombo) levaba brazal, que defendían o brazo dende o ombreiro ata o cóbado. As extremidades inferiores estaban protexidas polo arnés de perna e coxa, que defendía o xeonllo, a perna e a coxa, e no que se distinguían tres elementos: o quixote, a xeonlleira e a greba; e os zapatos de malla ou de ferro, polas escarpas.
Confrontacións: armadura, coiraza, loriga. -
s
m pl
Conxunto de gornicións do cabalo, mula e doutros animais empregados para carga e transporte.