armadura

armadura

(< lat armatūra)

  1. s f [BÉL]

    Especie de vestimenta formada polo conxunto de pezas de ferro (arnés, coiraza, helmo, loriga, etc) que protexía o corpo dos antigos combatentes.

    Ex: A armadura salvou a vida de Don Quixote no episodio dos muíños de vento.

  2. s f

    Conxunto de pezas unidas entre si que constitúen a parte ríxida que sostén un obxecto.

    Ex: Comprei uns lentes con armadura de cor azul.

  3. s f [ARQUIT]

    Conxunto de barras ou cables de aceiro que forman o esqueleto dunha peza de formigón, armado ou precomprimido, e que se colocan dentro da súa masa para que o conxunto siga apto para resistir esforzos de tracción, comprensión, cizallamento. As armaduras de barras adoitan estar constituídas por unhas barriñas de aceiro enrugado dispostas ao longo da peza ou por outras barras delgadas ou estribos, colocadas transversalmente, ligadas ás primeiras. As barras dispostas ao longo forman a armadura comprimida ou a armadura estirada, segundo o esforzo ao que son sometidas as barras sexa de comprensión ou de tracción.

  4. [FÍS]
    1. s f

      Peza metálica concibida para ser sometida á acción dun imán ou dun electroimán; normalmente é de ferro ou de aceiro.

    2. s f

      Cada unha das follas ou placas metálicas que fan de electrodo nun condensador.

    3. armadura de dínamo

      Masa ou núcleo de ferro ou de aceiro doce sobre o que se montan os circuítos do inducido. Forma parte do circuíto magnético da dínamo. As armaduras adoitan ser de perfil dentado, pero na máquina de Gramme son lisas. Fanse con pranchas de 0,5 mm de espesor, separadas unha da outra por papel illante.

    4. armadura dun imán

      Peza de material magnético que serve para unir os polos dun imán permanente a fin de que pechen o circuíto magnético e non se produza unha desmagnetización progresiva mentres non se usa o imán. Os imáns de ferradura teñen sempre armadura. Os de barra ordinariamente non a teñen; en todo caso, únense dúas barras de características semellantes de maneira que se encaran os polos opostos. Ás veces a armadura é un imán permanente e daquela dise que é polarizada.

  5. s f [MAR]

    Conxunto de cadernas, quilla e outros elementos que forman o esqueleto dun barco.

  6. s f [MÚS]

    Conxunto de accidentes, colocados inmediatamente despois da clave e antes da posible indicación do compás, que afectan ás notas escritas a continuación mentres non se atope ningunha outra alteración ou cambio de armadura, e determinan así a escala dun fragmento musical.

  7. s f [TECNOL]

    Peza, conxunto de pezas ou estruturas por encima das que se arman ou montan os diferentes elementos dun conxunto, as partes fixas ou móbiles dunha máquina, etc.

    Sinónimos: armazón.

Palabras veciñas

armadoiro | Armadoiro | armador -ra | armadura | Armagh | Armagnac | armamento