Arousa, ría de

Arousa, ría de

A maior das rías galegas, formada na desembocadura do río Ulla e situada entre a península do Barbanza, ao N, e o Salnés ao S, no cuadrante SO da comunidade autónoma, no seu litoral atlántico. Os concellos ribeiráns son, de S a N, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Cambados, Ribadumia, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Catoira, Valga, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. Ábrese entre a punta Falcoeiro, na parroquia de Aguiño, na beira setentrional, e a punta Con de Aguieira, na parroquia de San Vicente do Grove, ao S. Practicamente segue unha dirección NL-SO como as demais Rías Baixas, aínda que a súa amplitude delata unha orixe un tanto diferente. Nesta dirección NL-SO alíñanse as illas de Cortegada, Arousa e Sálvora, as maiores da ría. Litoloxicamente, nas súas beiras apreciamos unha gran diversidade de materiais: granitos, granodioritas, gneises, paragneises e xistos, ademais de depósitos de praia. A súa morfoloxía actual débese a procesos de fracturación e subsidencia tardohercínicos que provocaron o afundimento e levantamento de bloques alternativos, ficando as devanditas illas como inselbergs residuais de bandas de distintas rochas. A entrada está protexida pola illa de Sálvora, (parroquia de Aguiño, concello de Ribeira). Entre os principais ríos que desaugan na ría, ademais do Ulla, atópase o Umia, que desemboca ao S da ría, na parroquia de Sisán (concello de Ribadumia), e, na marxe setentrional, o Te, que desemboca en Rianxo, e o Barbanza, que o fai na Pobra do Caramiñal. O litoral da ría de Arousa é moi recortado, e acolle no seu interior praias orientadas en todas as direccións e portos de gran relevancia pesqueira e mercante, entre os que destacan os de Vilagarcía e Ribeira. Tamén son importantes os aproveitamentos marisqueiro e turístico das súas praias en ambas marxes. Neste último aspecto, especialmente no litoral meridional e nos concellos de Sanxenxo e do Grove, (coa illa da Toxa), o sector acadou un desenvolvemento que a sitúa como segundo destino turístico de Galicia, por detrás da cidade de Santiago de Compostela. Nos concellos das beiras da ría de Arousa agrúpase unha poboación total de 178.481 h (1996), que a perfila como unha das áreas máis densamente poboadas da comunidade autónoma, con 316,7 h/km2.