arracada

arracada

(< ár al-qarrāt ‘opendente’)

s f [ARQUEOL]

Peza de ourivería destinada ao ornato corporal, característica da Idade do Ferro en toda Europa, con forma de pendente colgante. As máis salientables arracadas galegas son pezas da cultura material castrexa. No estudo analítico das pezas diferénciase unha parte proximal ou superior, unha medial ou central e outra distal ou inferior, que non aparecen en todos os tipos. A ornamentación presenta técnicas diferentes, fundamentalmente a filigrana, o granulado, o martelado, o repuxado e o punteado, que conforman fíos, gránulos e láminas como motivos decorativos, figurativos (animais, sobre todo aves acuáticas e insectos) ou xeométricos (triángulos, espirais, cadeas de eses, sogueados, campánulas, paralelas, zigzags e meandros). Os sistemas de suxección empregados son o de cordón ou cadea supraauricular, de presión e por perforación. Tipoloxicamente, repártense en tres grupos: Grupo I caracterízase por ter pouco desenvolvida a parte proximal, tendo a medial forma penalunar ou de ferradura, con láminas que dan forma a unha caixa oca e pechada polo xeral con forma de ril, e carecer de parte distal; a suxección é supraauricular ou por presión; morfoloxicamente as arracadas deste grupos clasifícanse en reniformes, amorceladas, labirintiformes, samesuguiformes ou vermiformes e tabicado. O Grupo II presenta a parte proximal pouco desenvolvida, a medial con forma penalunar e a distal de triángulo plano; o sistema de suxección é supraauricular ou por presión. O Grupo III ten unha parte proximal complexa, e a medial e distal de factura variada; a suxección realízase mediante presión ou perforación. Defendeuse unha tradición galaica de feitura de arracadas dende a Idade do Bronce, se ben a maior parte das pezas castrexas deste tipo corresponden a un contexto romanizado. Destacan pola súa técnica e ornamento as arracadas de Recouso, Vilar de Santos e O Irixo.

Confrontacións

brinco, pendente

Palabras veciñas

arrabar | arrabear | arrabuñar | arracada | arrafén | Arragel, Mošé | Arrah