Arsenal de Ferrol

Arsenal de Ferrol

O arsenal militar de Ferrol pódese considerar o núcleo fundacional da cidade porque a súa edificación supuxo movementos migratorios considerables. Sede da Mariña española, naceu en tempos de Filipe V (1726). O monarca tiña o obxectivo de crear uns estaleiros estatais para a construción dos buques da armada. No ano 1728 construíuse o primeiro estaleiro na enseada da Graña, trasladado despois ata a enseada do Esteiro. Durante o reinado de Fernando VI desenvolveuse unha forte expansión do sector naval propiciada polo ministerio do marqués da Ensenada, quen no ano 1748 presentou ao monarca a Representación, onde daba conta da urxente necesidade de crear en España unha infraestrutura básica de arsenais para poder soster unha guerra defensiva tanto nos territorios peninsulares como nos americanos. O 11 de xullo de 1747 o marqués da Ensenada ordenou que se crease en Ferrol un arsenal con capacidade para albergar sesenta navíos de liña e con chanzos para a construción naval. Proxectáronse diferentes planos como os de Cosme Álvarez, reformados logo por Joseph Petir de la Croix. O 6 de outubro de 1751 aprobouse o proxecto presentado polo mariño e matemático Jorge Juan, adaptado á regularidade e racionalidade da época e tendo en conta o enclave do lugar. No 1762 Xulián Sánchez Bort presentou novos planos, baseados nos anteriores, para reducir os custos. Desde finais do s XVIII realizáronse numerosas obras que modificaron a estrutura orixinal. O arsenal consta dun gran fondeadoiro rectangular arredor do que se erixiron as distintas dependencias. A estrutura quedaba illada e pechada á cidade por un longuísimo e elevado muro e por un foxo. Cara ao mar, no peirao occidental, ergueuse un baluarte defensivo provisto de canóns. As dependencias dedicadas a funcións defensivas e militares constitúen o arsenal do Parque. O edificio máis salientable é a Sala de Armas, concibida como almacén de armamento e, máis tarde, cuartel de instrución. Este edificio preside a Praza de Armas, centro monumental de todo o conxunto naval. De planta rectangular, consta de dous corpos sobre os que se levanta unha alta cuberta de lousa que, ao estilo de Mansart, vai balizada de bufardas. No centro emerxe un cimborrio cadrado que cobre as escaleiras interiores, dispostas de xeito escenográfico e cerimonial. Dependentes deste edificio e pechando polo leste e polo oeste a Praza de Armas, erixíronse os almacéns de Artillería, configurados como dous longos brazos porticados. Para aloxar os vixilantes ergueuse o edificio do Corpo de Garda. No arsenal do dique, na parte norte e leste do fondeadoiro, sitúanse os restantes edificios, como as casas do Constructor e do Capitán de Mestranzas, o Presidio, a Teneduría ou o armazón de Mestranzas. Entre todos eles destaca a Porta do Dique, torre emblemática do conxunto militar, deseñada no 1765 por Sánchez Bort. Consta de tres corpos: primeiro, o conxunto da entrada formada por un arco flanqueado por dúas monumentais columnas toscanas e un entaboamento sobre o que se sitúa o segundo corpo, unha torre de planta cadrada con ático e frontón semicircular, co escudo real no centro e rematada nun reloxo, enmarcada por pilastras xónicas con grilandas nas esquinas. O último corpo está formado por unha cúpula semiesférica con catro balaústres nas esquinas e rematada nunha lanterna de ferro. Ao redor destas instalacións militares deseñouse o barrio da Madalena, como un dos exemplos máis significativos do urbanismo en tempos da Ilustración. As características do armamento e a loxística modernas significaron unha redución da actividade do arsenal. Foi declarado Ben de Interese Cultural na categoría de monumento o 17 de outubro de 1994.

Palabras veciñas

arsanílico, ácido | arse | arsenal | Arsenal de Ferrol | arsenamina | arseniato | arsenical