Arzúa-Ulloa

Arzúa-Ulloa

Queixo procedente dunha das zonas de maior tradición queixeira e amparado pola Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa (recoñecida por Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 20 de outono de 1995/DOG 07-11-95). Está feito con leite de vaca, de pasta branda e codia lavada cunha maduración mínima de seis días. A zona de produción abrangue as comarcas de Arzúa, Melide, Ulloa e varios concellos limítrofes. No mercado hai tres variedades distintas: Arzúa-Ulloa, Arzúa-Ulloa de Granxa e Arzua-Ulloa Curado, con diferentes matices de sabor, proporcionados polas súas variantes na maduración ou procedencia do leite (sempre de gando vacún de razas rubia galega, parda, alpina e frisona). O queixo elabórase con leite enteiro pasteurizado e presoiro animal, presentando unha forma lenticular, cun contido de materia graxa mínimo do 45% e un peso entre 0,5 e 3,5 kg. A pasta é branda e cremosa, a codia fina, amarela e sen mofos, e o sabor lácteo suave. Pode empregarse, pola súa facilidade para fundirse, na elaboración de pasteis, ensaladas, pratos de pasta, pizzas, carnes asadas e salsas de queixo.

Palabras veciñas

Arzúa | Arzúa | Arzúa | Arzúa-Ulloa | arzuán -zuá | Arzumanian, Anučaran Agafonovič | as