Ascensión, A
Nome de muller procedente do latín ascensionem ‘subida, ascenso’, nome místico que evoca a festa da ascensión de Xesús ao ceo despois de resucitar. A festividade da Ascensión celebrábase antes o xoves da Ascensión, que cadraba corenta días despois da Pascua, como segue a ser no concello de Santiago de Compostela. Coa recente reforma litúrxica trasladouse a festa ao sétimo domingo de Pascua, contradicindo esta vella tradición. A Ascensión é tamén a festa do concello de Rubiá. Na tradición oral recóllense cantigas e refráns como: “Tres xoves hai no ano / que rebrillan máis ca o sol: / xoves santo, Corpus Cristi / e o día da Ascensión”, “Se no día da Ascensión a paxara abala os ovos, quédanlle grolos”, “No xoves da Ascensión quen non come carne non ten corazón”, “Chuvia na somán da Ascensión, collen os millos mourón” (alude ao carbunco, fungo parasito), “O día da Ascensión os paxaros non fan niño” (refírese á crenza piadosa de que é día de gardar mesmo para os animais). A forma familiar do antropónimo Ascensión é Chon.