Asociación Astronómica de Compostela
Entidade fundada en 1989 por Ramón Bouzas Lorenzo. Presidida por Faustino Gómez Rodríguez, desenvolve diversas actividades de ensino e investigación, co obxecto de fomentar a afección non profesional á Astronomía. Dende a súa creación a asociación desenvolve proxectos en colaboración con diversas entidades como: a Liga Iberoamericana de Astronomía (Liada), a Casa das Ciencias da Coruña, a Facultade de Física da Universidade de Santiago, a Asociación Astronómica Ramón Mª Aller (Vila de Cruces), o Concello de Santiago de Compostela e outras asociacións veciñais dos arredores. Con frecuencia convoca cursos elementais de Astronomía e organiza seminarios para afeccionados afondando nos diferentes eidos desta ciencia (observación solar, lunar, satélites e planetas do sistema solar, cometas e asteroides, ceo profundo, astrofotografía, novidades de astronaútica, etc). Ademais, proporciona información continua sobre as efemérides necesarias para a observación de fenómenos destacados e organiza actividades en campo aberto co fin de perfeccionar as técnicas de observación astronómica.