Asociación Católica Nacional de Propagandistas
Organización católica de ámbito estatal, fundada en Madrid a finais do ano 1908. Co remate do século XIX vaise producir un cambio crucial na orientación social e política do Catolicismo europeo, debido á publicación da encíclica Rerum Novarum (1891). León XIII estableceu nela as bases para unha maior penetración do movemento socio-político católico na sociedade, na busca dunha resposta que solucionase a inexistencia dun partido católico que defendese os seus intereses ante a nova organización dos Estados liberais (de tendencia aconfesional), e que se traduce nunha perda sistemática do protagonismo da igrexa. Neste contexto nacía a Asociación Católica Nacional de Propagandistas (ACNP), que participou plenamente na nova organización institucional e administrativa do novo Estado liberal español. A ACNP foi concibida como unha organización de pouco, pero escollido número de integrantes, e caracterizada como unha elite ao servizo do movemento católico español. O seu obxectivo fundamental foi a formación de homes para a vida pública, políticos católicos que defendesen o movemento mediante unha concepción moderna da actuación social católica, propugnada pola Rerum Novarum. O órgano propagandístico da agrupación foi o xornal El Debate, publicación de escasa tirada ata ese momento e comprada para a ACNP en xuño de 1911 co obxectivo de crear e manter un estado de opinión católico permanente. Foi o grupo máis influínte e determinante dentro do Catolicismo político-social do s XX español. En Galicia a asociación máis relevante foi a de Lugo.