asociación

asociación

(

  1. s f

    Acción e efecto de asociar ou de asociarse.

    Ex: Fundaron unha asociación para promover a cultura.

  2. s f [ARQUEOL]

    Aparición dun artefacto vinculado a outros restos arqueolóxicos, xeralmente no mesmo nivel.

  3. s f [BOT]
    1. Rango básico no sistema fitosociolóxico de clasificación. O nome fórmase a partir do nome científico dunha ou de dúas plantas presentes na diagnose orixinal do sintaxon e defínese por uns inventarios florais; normalmente posúe un certo número de especies características. Unha asociación ben representada en Galicia é a correspondente a carballeiras acidófilas colinas denominadas como Rusco aculeati-Quercetum roboris.

    2. En diversas escolas xeobotánicas, diferentes á sigmatista, unidade de significación diversa, empregada no estudo da vexetación.

  4. s f [DER]

    Unión de diversas persoas cun vínculo xurídico para un fin común; neste concepto compréndense todas as manifestacións do fenómeno asociativo (sociedades, sindicatos, etc). As asociacións son grupos que existen para acadar uns propósitos específicos, seguindo un sistema explícito de normas que determinan claramente a conduta de cada individuo. Socioloxicamente a asociación é unha das formas esenciais da estruturación dos grupos humanos. Úsase a palabra alemá Gesellschaft para denotar o sentido sociolóxico do termo. A forma de sociabilidade oposta á asociación é a comunidade (Gemeinschaft). Esta distinción foi proposta por Ferdinand Tönnies. Na antiga Roma, durante a república, existiu unha ampla liberdade de asociación. Constituíu un precedente excepcional posto que o dereito de asociación é unha conquista moi recente. Con todo, hai que recoñecer a importancia, en Europa, do corporativismo profesional dos tempos medievais, que a miúdo deu lugar a agrupacións ou ligas de acción política. A Declaración dos dereitos do home e do cidadán de 1789 ignorou o dereito de asociación entre os dereitos fundamentais. Na mentalidade da Revolución Francesa isto non era casual: non se querían intermediarios entre o individuo e o estado. Constituíu un mérito do liberalismo da fase posrevolucionaria a configuración definitiva do dereito de asociación, baixo a presión dos movementos socialistas. Un signo do carácter burgués da revolución liberal foi dado polo recoñecemento da personalidade xurídica ás sociedades mercantís (Francia, 1807; España, 1829), antes das doutro tipo, que en xeral se impuxo en Europa a raíz do amplo movemento revolucionario de 1848. O dereito de asociación sindical non foi recoñecido ata finais do s XIX (España e Francia). Actualmente todos os países recoñecen o dereito de asociación na súa formulación xeral -recollido tamén na Declaración Universal dos Dereitos do Home (1948)- pero nalgúns é totalmente negativo ou sofre fortes restricións, principalmente na orde política e sindical. Os sistemas adoitados na regulación da liberdade de asociación, segundo os países, pódense reducir a: consentimento previo da autoridade gobernativa para a constitución da asociación; obriga de dar a coñecer os estatutos da asociación previamente á súa autorización; liberdade absoluta na constitución das asociacións lícitas. A constitución española de 1978 recoñece no artigo 32 este dereito, exclúe as que persiguen fins ou utilizan medios tipificados como delito e prohibe as secretas e as de carácter paramilitar. As asociacións inscríbense nun rexistro unicamente a efectos de publicidade e só poden ser disoltas ou suspendidas por sentenza xudicial.

  5. s f [DER]

    Unha agrupación de diversas persoas, vinculadas xuridicamente, para a obtención dun fin non lucrativo que exclúe a obtención por parte dos asociados dunha ganancia proporcional ás cotas ou participacións preestablecidas. Os seus membros -socios- teñen uns dereitos e unhas obrigas mutuas ante a asociación, fixadas polos estatutos e que poden ser legalmente esixidas. Son gobernadas por unha asemblea de socios, unha xunta directiva e por un presidente, as facultades do cal están fixadas pola lei e polos estatutos sociais.

    Confrontacións: agrupación, sociedade.
  6. s f [ECOL]

    Unidade ecolóxica na que dúas ou máis especies se atopan máis frecuentemente emparelladas do que se esperaría se se desenvolvesen independentemente. Son tipos de asociación a simbiose, o mutualismo, o comensalismo, o parasitismo, etc.

  7. s f [LING]

    Figura que consiste en aplicar a moitos iso que se refire implicitamente a un só.

  8. s f [QUÍM]

    Formación de especies moleculares relativamente complexas pola unión de dúas ou máis moléculas simples dunha mesma substancia. Este fenómeno pode observarse en disolucións, en líquidos puros e en vapores e detéctase polos métodos correntes de determinación de pesos moleculares, xa que as moléculas asociadas compórtanse como unidades de peso molecular múltiple. A existencia de asociacións intermoleculares por enlace de hidróxeno causa que as substancias asociadas presenten valores anormalmente altos para algunhas das súas propiedades (puntos de fusión, de ebulición, constantes dieléctricas, etc) e presións de vapor anormalmente baixas. Son claros exemplos substancias como a auga, o amoníaco, os alcohois, os ácidos carboxílicos, etc. Tamén existe o fenómeno de asociación intramolecular por enlace de hidróxeno, é dicir, a formación deste enlace entre átomos dunha mesma molécula. Neste caso, sen embargo, non se producen desviacións nos valores esperados das propiedades físicas xa que, debido ao carácter interno do enlace, a substancia non se comporta como se tivese un peso molecular superior ao que lle corresponde.

  9. s f [XEOL]

    Grupo formado cos tipos taxonómicos de solos que aparecen xuntos nunha rexión e que presentan unha determinada relación entre eles.

  10. asociación administrativa de contribuíntes [DER]

    Agrupación de afectados por obras e servicios que han de financiarse con contribucións especiais e que pode asumir directamente a execución das obras ou establecemento, a ampliación ou a mellora dos servicios municipais, de acordo cos requisitos establecidos legalmente.

  11. asociación administrativa de cooperación [DER]

    Agrupación dos propietarios de terreos suxeitos ao sistema de execución urbanística de cooperación que, ademais de aportar os terreos de cesión obrigatoria, colaboran coa administración pública na execución das obras de urbanización.

  12. asociación de cultivos [AGR]

    Cultivo simultáneo de dúas ou máis plantas de diferentes especies sobre o mesmo terreo co propósito de conseguir un maior rendemento económico (ocupación completa do solo), ou unha mellora na calidade da produción (asociación de leguminosas e gramíneas nos prados). Tamén busca a obtención de colleita mentres a planta principal non se atopa en condicións de proporcionala (asociación viña-oliveira), unha protección dos cultivos delicados durante o período primeiro do seu desenvolvemento, ou facilitar o crecemento de certas plantas (asociación ervella-cebada, onde a ervella é sostida pola cebada). Son diferentes as causas que inflúen sobre a conveniencia e a natureza da asociación. Cómpre situar en primeiro lugar o clima, as condicións físico-químicas do solo e a natureza mesma da planta. En xeral, convén asociar plantas de esixencias e características complementarias, maduración en diferentes épocas e de esixencias culturais idénticas.

  13. asociación de estrelas [ASTRON]

    Agrupación de estrelas dun mesmo tipo espectral nunha zona relativamente reducida do espacio. Ambartsumian descubriu en 1947 que case todas as estrelas coñecidas do tipo T. Tauri atópanse en dúas rexións moi reducidas (Taurus-Auriga e Aguia-Ofiuco) e observou que as estrelas do tipo O e B (estrelas quentes) tenden a agruparse. As asociacións estelares diferéncianse radicalmente dos conglomerados: a densidade de estrelas nun conglomerado é moi superior á media do campo estelar que o envolve, mentres que nunha asociación é pequena. Nas asociacións, a maior parte das estrelas expulsan materia. Hai dous camiños para a evolución estelar a partir do po cósmico ata a secuencia principal: a través de asociacións O e a través de asociacións T. Este último camiño fai posible que as estrelas acaden a secuencia principal en calquera punto e non polo extremo superior da secuencia, como se supoñía. Iso foi confirmado por Hayashi.

  14. asociación de ganancias [DER]

    Réxime económico conxugal que crea unha comunidade respecto ás ganancias ou aos beneficios obtidos indistintamente polo marido e a muller durante o matrimonio. A disolución do matrimonio dá lugar ao reparto dos bens integrados na comunidade.

  15. asociación de ideas [PSIC]

    Fenómeno psíquico polo cal unha idea é a causa de aparición espontánea doutras ideas na mente, a consecuencia dunha serie de conexións recíprocas. A asociación involuntaria é un instrumento da técnica psicanalítica chamada método de asociación libre. Se é controlada pode ser un método de diagnose da personalidade ou ben de detección de mentiras.

  16. asociación de linguas [LING]

    Grupo de linguas moi semellantes porque se pode supor que derivan dunha mesma protolingua, pero non tanto que poida ser demostrado. O termo é, entón, voluntariamente neutro entre o de familia xenética e o de alianza secundaria, e esta neutralidade suxire unha das cuestións cruciais en canto á interpretación histórica dos resultados da lingüística comparada: a dos criterios que cabe esixir antes de asumir que dúas linguas teñen unha mesma orixe, tanto máis crucial que é unha cuestión de principio metódico, moi pouco susceptible de verificación empírica.

  17. asociación de pais de alumnos [EDUC]

    APA.

  18. asociación escolar [PEDAG]

    Asociación escolar constituída polos profesores, pais e simpatizantes dun determinado centro docente, como mutualidades escolares e cooperativas escolares.

  19. asociación ilícita [DER]

    Nos países onde están restrinxidas as liberdades individuais, delito no que incorren as persoas que forman parte de asociacións non recoñecidas polas leis, ou tamén que non foron constituídas cumprindo os requisitos administrativos. Na maior parte dos países só é castigada a participación en asociacións que perseguen a comisión de feitos delitivos.

  20. asociación magmática [XEOL]

    Nos grandes conxuntos eruptivos rexionais, agrupación natural de rochas diferentes que constitúen unha familia ben definida desde un punto de vista químico e mineralóxico.

  21. asociación medicamentosa [MED]

    Mestura metódica de medicamentos, usada na terapia dalgunhas enfermidades, co obxecto de aumentar o efecto medicamentoso.

  22. asociación microbiana [MICROB]

    Asociación, nun mesmo proceso infeccioso, de diferentes especies microbianas, entre as cales existe unha clase de simbiose específica, a miúdo determinante para que se manifeste a infección.

  23. asociación mineral [XEOL]

    Conxunto de especies minerais que se atopan presentes, en proporcións que poden variar amplamente, nunha rocha ou nun solo, e que constitúe un dos trazos característicos destas.

  24. asociación relixiosa [RELIX]

    Na Igrexa Católica, grupo de fieis que, coa aprobación da xerarquía, se xuntan xa para promover unha vida cristiá máis perfecta, por exemplo os terciarios, xa para exercer algunhas obras de piedade ou caridade, como as unións piadosas, ou para incrementar o culto público, como as confrarías.

  25. método de asociación libre [PSIC]

    Método que consiste en expresar sen discriminación todos os pensamentos que aparecen na consciencia, provocados por un elemento dado previamente (palabras, imaxe dun soño, etc), ou de maneira espontánea. Permite establecer cadeas asociativas entre un trastorno actual e a causa que o provoca; esta, ao ser integrada na consciencia do enfermo, suprime a angustia. É unha das pezas clave da psicanálise.