asturense

asturense

(< topónimo Asturias)

  1. s [ARQUEOL]

    Período do Mesolítico que se limita ao sector oriental de Asturias (o xacemento arqueolóxico de Bañugues é o máis occidental) e algúns puntos de Cantabria (o xacemento arqueolóxico de Liencres é o máis oriental). Os límites cronolóxicos deste período veñen determinados pola datación do depósito de Mazaculos (7340 a C) e Penicial (5700 a C), dous dos cuncheiros máis coñecidos deste período. É unha das chamadas culturas dos cuncheiros que en época posglaciar aparecen en diferentes puntos da zona litoral europea (Ancorense, Azilense, Camposanquense, etc). Trátase de asentamentos con industrias moi especializadas en depósitos arqueolóxicos situados en zonas moi próximas á liña de costa, que xa se atopaba á mesma altura que na actualidade. Posiblemente a ocupación realizábase ao aire libre, mentres que o cuncheiro propiamente dito aparece á entrada das covas e, ás veces, colmándoa na súa totalidade. Son poucos os xacementos ao aire libre con industria e sen cuncheiro, cando menos conservado. En todo caso, parece claro que os cuncheiros son representativos dunha actividade especializada e temporal. Non se pode, polo tanto, rexeitar a existencia doutros depósitos máis ao interior, que se corresponderían cos asentamentos de caza, empregados nas épocas do ano en que o marisqueo resultase difícil ou pouco rendible. A industria presenta como fósil director o ‘pico asturense’, que debeu ter unha funcionalidade relacionada co desprendemento dos moluscos que aparecen fortemente adheridos ás rochas. Atópanse xunto co pico asturense outros utensilios sobre lasca e algúns obxectos perforados en ósos; en Balmori (Asturias) dous fragmentos de asta perforados recordan aos bastóns de mando do Paleolítico Superior. O Asturense, malia que hoxe está ben definido como unha manifestación rexional do Mesolítico atlántico, tivo unha complicada traxectoria historiográfica, chea de confusións e erros, que o relaciona con Galicia e coas industrias camposanquenses (Camposancos, A Guarda). Esta confusión iníciana nos anos vinte deste século Jalhay e Serpa Pinto, que mantivo Maury nos anos setenta, baséandose na similitude do pico camposanquense co asturense. A última teoría, defendida por Cano Pan, sostén unha orixe polixenética do Camposanquense e consecuentemente atribúe os distintos útiles deste suposto complexo técnico a unha serie de períodos cronolóxicos distintos, polo que afirma que o concepto camposanquense perde o seu sentido, e así non debe seguir empregándose.

  2. pico asturense [ARQUEOL]

    Tipo de utensilio sobre seixo que ten forma de triángulo isósceles alongado, sobre unha base non tallada semicircular; a aresta lateral adoita ser cóncava e o gume abrupto, o que propicia que a sección media desta peza sexa triangular. A talla é sempre unifacial, con percusor duro. Trátase dun fósil director de xacementos arqueolóxicos do litoral asturiano.