Asturia-Gallaecia

Asturia-Gallaecia
[HIST]

Territorios do noroeste da Hispania romana habitados respectivamente por ástures-cántabros e galaicos. Estas dúas rexións foron incluídas na provincia da Lusitania por Augusto, na súa primeira organización provincial do ano 27 a C, coa finalidade de controlar mellor o territorio ástur neses anos que estaba en guerra contra Roma (guerras ástur-cántabras, 29 - 19 a C). A razón desta intensa acción de sometemento por parte dos romanos vén explicada pola presenza no territorio de minerais coma o ouro ou o minio. Unha vez finalizada a conquista, Augusto procedeu a unha segunda reestruturación administrativa, que tivo lugar entre os anos 16 e 13 a C co gallo da súa segunda viaxe á Península Ibérica, na que Asturia e Gallaecia son incorporadas á Provincia Citerior Tarraconensis. Os núcleos ou cidades principais reciben o nome de Augustus: Bracara Augusta, Lucus Augusti e Asturica Augusta, á vez que se forman os correspondentes convento xurídico asturicense, lucense e bracarense. Con Caracalla (211-217) Asturia e Gallaecia adquiren conxunta pero brevemente un estatus administrativo propio (Provincia Nova Hispania Citerior Antoniana). Durante o s III sucedéronse as tentativas de reorganización administrativa do territorio, como as de Galieno e Aureliano. A reforma definitiva veu da man de Diocleciano (284-305): Gallaecia, incluíndo Asturia, e chegando tamén a acoller León, convértese en provincia romana de seu, integrada na Hispania ao mesmo nivel que a Lusitania, a Bética, a Cartaginensis, a Tarraconensis ou a Mauritania Tingitana.

Palabras veciñas

asturense | Astureses | Astureses, San Xulián de | Asturia-Gallaecia | asturiano -na | Asturias | Asturias