Ática

Ática

Nomós da Grecia Central (3.808 km2; 3.523.407 h [1991]). A súa capital é Atenas. Está rodeada pola Beocia no N, o golfo de Corinto ao O, o golfo Sarónico ao S e o Mar Exeo ao L. Os principais recursos económicos son a agricultura (trigo, oliveira, vide, froiteiras) e as minas de Laurión ao S (chumbo, zinc, ferro). O actual poboamento estableceuse pouco antes do 2000 a C. Na época micénica a rexión artellábase nunha serie de principados: Atenas, Eleuse, Tórico, Braurón e Afidna. Pero a partir, probablemente, de principios do primeiro milenio a C produciuse un fenómeno de sinecismo ao redor de Atenas. Esta unificación, que abrangueu un longo período, constituíu un proceso illado dentro da Grecia antiga, xa que comprendeu nunha soa polis toda unha rexión. Non obstante, houbo un centenar de démoi que continuaron estando habitados. Esta situación durou ata a reforma de Clístenes, que agrupou os démoi en trinta distritos nomeados tritias. Cada unha das dez tribos atenienses tiña unha tritia en cada bisbarra, de maneira que se rachaba a unidade das clientelas nobiliarias, evitándose deste xeito os antigos conflitos.

Palabras veciñas

Athletic Club de Bilbao | Athos, monte | atibaia | Ática | aticismo | aticista | ático