atributo

atributo

(< lat attrĭbūtu ‘o que éatribuído’)

  1. s m

    Calidade ou maneira de ser considerada como propia de alguén ou dalgunha cousa.

    Ex: Fíxose famosa polos seus atributos físicos.

    Confrontacións: propiedade, trazo.
  2. s m

    Obxecto característico que acompaña normalmente a descrición ou a representación de certos personaxes ou de certas ideas personificadas, ben porque mantén con estes unha certa relación ou ben porque representa a súa actividade ou as súas propiedades.

    Ex: Entre os atributos de Mercurio están as ás que leva nos pés. A balanza é o atributo da xustiza.

    Confrontacións: calidade, trazo.
  3. s m [LING]
    1. Adxectivo atributivo.

    2. Adxectivo, substantivo ou calquera palabra con función nominal que se engade a outro substantivo ou oración substantivada cualificándoos ou determinándoos mediante un verbo copulativo. Son copulativos os verbos ser e estar, amais doutros moitos verbos que poden desempeñar unha función copulativa. Xa que logo, o atributo é o que se predica do suxeito e adoito forma parte do predicado nominal e se encontra nas proposicións atributivas ou copulativas. Así, por exemplo, na oración “A cadeira está rota” o atributo é o adxetivo “rota”; en “O río baixa revolto” éo “revolto”, e, en “A auga está morna”, o atributo é “morna”. Na terminoloxía francesa é, moitas veces, sinónimo de predicado nominal.

    3. atributo do complemento/ predicado do complemento

      Nome ou adxetivo que funciona como predicado dun complemento verbal. Así, na oración “Nomearon a Adriano emperador”, o atributo sería “emperador”.

  4. s m [ARQUEOL]

    Característica mínima de definición e clasificación artefacto. Non é susceptible de subdivisións, e inclúe cando menos dous estados (presente/ausente), actuando como variable independente no seo dun sistema de artefactos específicos. Os atributos adoito estudiados inclúen, polo xeral, aspectos relativos á materia prima da peza, morfoloxía, decoración e mesmo atribución a unha cultura, un estilo artístico, unha cronoloxía, etc.

  5. s m [FILOS]
    1. Calidade ou carácter da substancia na que, sen pertencer á esencia do suxeito, se fundamenta.

    2. O que se afirma ou nega dun suxeito; neste sentido, confúndese co predicado.

  6. s m [INFORM]
    1. Conxunto de datos que identifica un arquivo informático para axudar a localizalo máis rapidamente se non se coñece o seu nome.

    2. Nun contorno de edición de páxinas web, arquivo adicional de información que pode ser especificado en etiquetas HTML, como a altura e o ancho de imaxes, ou as instrucións de carga de applets Java.

  7. atributos divinos [RELIX]

    Cada unha das perfeccións esenciais de Deus como a simplicidade, a bondade, a sabedoría ou a omnipotencia; estas propiedades identifícanse, en realidade, coa súa esencia.

  8. atributo heráldico [HERÁLD]

    Cada un dos adxectivos e participios que serven para dar a coñecer a posición, a disposición, as modificacións, as alteracións e as particularidades que distinguen os elementos, as pezas e as figuras, tanto internas como externas, do escudo para darlle unha descrición exacta e clara.

Palabras veciñas

atribulado -da | atribular | atributivo -va | atributo | atrición | Atricondo | atrida