calidade

calidade

(

  1. s f

    Características que constitúen a maneira de ser dunha persoa ou dunha cousa e que a definen fronte aos da mesma especie.

    Ex: A calidade da xente sábese polos seus feitos. A dimensión e o peso son calidades esenciais da materia.

    Confrontacións: atributo, natureza, propiedade.
  2. s f
    1. Cada un dos atributos ou das propiedades, percibidos pola sensibilidade, que distinguen a natureza das cousas. Pódese pasar por transición continua dunha calidade a outra, por máis que sexan opostas (como do frío á calor).

    2. [FILOS]

      Propiedade que determina a natureza dun obxecto. Categoría fundamental do pensamento e da realidade, considerada por Aristóteles como o máis importante dos accidentes xunto coa cantidade e a relación. Para Kant é o segundo dos catro títulos de conceptos puros do pensamento (categorías) que inclúen a realidade, a negación e a limitación. Na gnoseoloxía empírica, Locke e Leibniz, adoptando unha distinción feita xa por Demócrito, distinguen as calidades primarias (propiedades físicas dos obxectos, como a extensión, a forma, a resistencia e o movemento) das calidades secundarias (non esenciais, como o cheiro, o sabor, a cor, etc).

    3. [FILOS]

      Carácter resultante, en lóxica, do feito de ser afirmativa ou negativa unha proposición.

  3. s f

    Superioridade de algo polas súas características respecto a un grupo ou conxunto.

    Ex: Comprou produtos de calidade.

    Confrontacións: clase.
  4. s f

    Superioridade no seu xénero.

    Ex: A calidade da carne galega é recoñecida por todos.

    1. s f

      Posición social elevada pola liñaxe.

    2. s f

      Consideración social, civil, política ou cultural dunha persoa para algún emprego ou cargo.

      Ex: A calidade que se require para este traballo non a van ter todos os aspirantes.

  5. [LING]

    Conxunto de características distintivas que conforman o timbre fonolóxico de calquera realización lingüística e que se refiren tanto ao punto (labial, dental, etc) como ao modo de articulación (oclusivo, fricativo, etc). Xeralmente oponse á cantidade ou duración, á intensidade ou amplitude e á frecuencia. Na oposición coa noción de cantidade distínguense os cambios cualitativos (

    Ex: o paso de i > e) fronte a cambios cuantitativos (Ex: o paso de i > i).

  6. s f [EDUC]
    1. Propiedade ou conxunto de propiedades inherentes a un sistema de ensino que permiten aprecialo como igual, mellor ou peor ca outro sistema.

    2. Relación que existe entre os obxectivos formulados por un sistema educativo e os resultados acadados.

  7. calidade de vida

    Condicións necesarias para que a vida dunha persoa sexa digna.

  8. calidade percibida [COMUN]

    Conxunto de propiedades que observa un consumidor nun determinado servizo ou produto. Está suxeita a unha serie de variables como son as diferencias de prezos entre marcas, os esforzos promocionais ou os gustos do consumidor; vese ademais directamente influída por factores intrínsecos como a cor, a textura, a forma, etc, e por variables extrínsecas como a marca, o envase ou o prezo.

Frases feitas

  • de primeira calidade. Que posúe as mellores condicións.

  • en calidade de. Función especifica que se exerce como representante de algo.

Formas incorrectas

cualidade

Refráns

  • Aceite, no alto; viño, no medio; mel, no baixo.
  • Do bo, canto máis, mellor; do malo, canto máis, peor.
  • Do bo, con pouco hai abondo.
  • Engánenme no precio e non me enganen no que merco.
  • Maruxiña ten bo viño; se o ten, el o dirá e o que fore sonará.
  • Non dá bo pan a mala fariña.
  • O bo nunca é caro e éo sempre o malo.
  • O bo nunca é caro.
  • O bo pano na arca se vende.
  • O bo vai caro e o malo fai dano.
  • O pan alleo ten sete codias.
  • O pan centeo é bo cando é alleo.
  • O viño bo é caro e o barato é malo.
  • Ouro é o que ouro vale.
  • Viño, que salte; queixo, que chore; pan, que cante.
  • Viños e amores, os vellos son os mellores.

Palabras veciñas

calicular | calículo | Calicut | calidade | calidez | calidina | cálido -da