audiencia

audiencia

(

  1. s f

    Admisión para ser oído, principalmente cando a concede algunha autoridade.

  2. [COMUN]
    1. s f

      Conxunto de persoas que nun momento determinado deciden sintonizar e atender un programa dun canal de televisión, dunha emisora radiofónica, ou ben adquirir e ler unha publicación periódica. É conveniente distinguir entre audiencia de televisión por cadenas, por programas e por franxas horarias. A medición da audiencia é fundamental para intentar calcular o número de impactos publicitarios que os anunciantes poden conseguir entre os potenciais consumidores. A audiencia condiciona o nivel de investimento publicitario dos anunciantes nos medios de comunicación.

    2. audiencia acumulada

      Número de persoas que recibiron algún impacto dunha mensaxe publicitaria emitida por un medio de comunicación concreto. Mídese porcentualmente sobre a totalidade da audiencia. En televisión utilízase este termo para facer referencia ao número de persoas que viron parte ou a totalidade dun programa.

    3. audiencia máxima

      Medida porcentual, sobre o total da audiencia, do número de persoas que seguiron un programa de radio ou televisión ao longo da súa emisión.

    4. audiencia media

      Cifra de persoas, en relación á audiencia total, que sintonizaron un programa televisivo ou radiofónico durante un período de tempo ou que len diaria, semanal quincenal ou mensualmente cada número dunha publicación.

    5. audiencia mínima

      Medida porcentual, sobre o total da audiencia, do número mínimo de persoas que seguiron a emisión dun programa durante un período de tempo.

    6. audiencia útil

      Sector da audiencia que comprende o público obxectivo e potencial dun anunciante. Son as persoas que o anunciante cre que están máis predispostas a adquirir un produto ou a utilizar un servicio.

  3. s f [DER]

    Lugar onde se axuntan os Tribunais de Xustiza, onde se celebran as audiencias.

  4. s f [DER]
    1. Acto de escoitar a calquera persoa que intervén nun proceso xudicial.

    2. Sesións públicas dos Tribunais de Xustiza.

    3. Acto de dar a unha parte ou a un interesado a oportunidade de formular alegacións en defensa dos seus dereitos, nun procedemento administrativo ou nun proceso xudicial.

  5. s f [HIST/DER/ADM]

    Órgano colexiado para a administración de xustiza que polo xeral encarna a suprema instancia nun Reino, nunha entidade política ou, derivativamente, nun amplo territorio con personalidade definida. Co sentido orixinario de celebración pública das actuacións xudiciais conviviu o significado corporativo ou institucional. Como continuidade da audientia principis do Baixo Imperio Romano, nos reinos xermánicos actuaba o tribunal real (aula rexia). Nos últimos tempos do Imperio Romano foi creada a audiencia episcopal. Avanzada a Idade Media, no ámbito da Península Ibérica, a audiencia limitouse á actuación xudicial do soberano que, coa dificultade crecente para administrar persoalmente xustiza, viu aparecer, cara á segunda metade do s XIV, un esbozo institucional da audiencia como órgano colexiado técnico da administración de xustiza. As reformas dos Reis Católicos na organización xudicial foron decisivas para a evolución da audiencia de tribunal real central a tribunal real rexional ou territorial. Filipe V, primeiro monarca hispano da dinastía Borbón, estendeu a modalidade das chancelerías castelás aos países da Coroa de Aragón, ben que poñendo as novas audiencias baixo a autoridade do capitán xeral. No curso do s XVIII foise aplicando esta estrutura borbónica no resto das audiencias da Península Ibérica e fíxose coincidir o distrito xudicial co militar, cousa que acentuou o seu carácter de tribunais rexionais, supeditadas as audiencias á instancia suprema representada polo Real Consello de Castela. Este é o precedente inmediato das audiencias territoriais ou rexionais nos ss XIX e XX.

  6. audiencia episcopal [HIST/DER/RELIX]
    1. Tribunal do bispo.

    2. Xurisdición recoñecida aos bispos polo Emperador Constantino (318), que chegou a ser máis ou menos ampla segundo os tempos, pero con tendencia a ser limitada aos asuntos entre clérigos (privilegium fori).

  7. Audiencia Nacional [DER]

    Tribunal con sede en Madrid e cunha xurisdición que abarca todo o Estado español. Está composto por tres salas: do penal, do contencioso-administrativo e do social. A sala do penal encárgase do procesamento das causas contra o Xefe do Estado, o sucesor e altos órganos do estado e forma de goberno, falsificación de moeda, delitos monetarios e de troco, así como tamén certos delitos con efectos en xurisdicións doutras audiencias; a do contencioso-administrativo, sobre os recursos contra disposicións e actos de ministros e subsecretarios; a do social, sobre os procesos de impugnamento de convenios colectivos e sobre conflitos colectivos de ámbito superior a unha comunidade autónoma.

  8. Audiencia Provincial [DER]

    No Estado español, tribunal que xulga en primeira instancia causas penais por delitos graves, e en grao de apelación causas civís e penais por delitos menos graves. Hai unha en cada provincia, constituída por diversas salas ou seccións, segundo as materias que abrangue a súa xurisdición.

  9. audiencia pública [DER]

    Celebración de determinados actos dos procesos xudiciais, e en especial as vistas civís e os xuízos orais penais, coa posible e libre asistencia de quen queira.

  10. Audiencia Real [HIST/DER/ADM]

    Tribunal do Rei, organismo superior de goberno nos reinos vencellados á Coroa de Castela durante a Idade Moderna, de extraordinaria importancia xurídica durante os ss XVI e XVII, ata o punto de ordenar o Rei a publicación periódica das súas conclusións ou sentencias, como interpretación autorizada do dereito vixente. As reais audiencias borbónicas, alén das súas funcións xudiciais, informaban ao Consello de Castela sobre o nomeamento de funcionarios, arbitraban entre as diversas autoridades e ocupábanse plenamente de asuntos gobernativos e policiais. O confusionismo entre asuntos xudiciais e políticos que as caracterizou, perdurou ata as Cortes de Cádiz (1812), se ben a redución das audiencias á esfera estritamente xudicial non tivo efecto ata 1834. En Galicia denominouse Real Audiencia do Reino de Galicia.

  11. Audiencia Territorial [HIST/DER]

    No Estado español, tribunal que sabía principalmente de causas civís en grao de apelación e tamén dos recursos contenciosos administrativos en primeira instancia. Foi suprimido ao trasladarse as súas competencias en parte ás audiencias provinciais e en parte aos tribunais superiores de xustiza.

Palabras veciñas

audibilidade | audible | audición | audiencia | audímetro | audio | audio-