aviación
(< fr aviation)
-
-
s
f
[AERON]
Técnica e práctica que permite o voo dos aparellos máis pesados ca o aire (aeronaves). Atópanse referencias moi antigas ao home voador. Neste senso son notables os estudios de Leonardo da Vinci de finais do s XV, os de Francesco de Lana, os de Giovanni Alfonso Borelli e os de Isaac Newton no s XVII. O libro De motu animalium, escrito por Borelli no 1680, establece a analoxía do home voador cos paxaros; por vez primeira foi esbozada a diferenza entre a Aerostática, na que a forza de sustentación se obtén mediante enxeños máis lixeiros ca o aire, e a Aviación, onde esta forza se consegue con aparellos máis pesados ca o aire, coa axuda de motores. A Aviación non comezou a ser posible ata que, entre o 1799 e o 1853, o inglés George Cayley definiu os fundamentos da aerodinámica. Cara ao 1810 construíu un planador co cal foi quen de facer algúns voos. Inspirándose nas ideas de Cayley, no 1843 William Samuel Henson publicou un deseño de máquina voadora provista de motor de vapor. Alphonse Penaud estudiou polo miúdo o equilibrio do avión e construíu algúns modelos de avión e de helicóptero movidos por hélices. Otto Lilienthal, entre o 1891 e o 1896, estudiou o voo planador e, despois dun gran número de voos perfectos, tivo un accidente mortal. Clément Ader, considerado o “pai da aviación”, construíu no 1890 o seu aparello “Éole”, segundo o esquema de Cayley e cun motor de vapor. Cómpre destacar tamén o inglés Hiram Stevens Maxim (1894) e o americano Samuel Pierpont Langley (entre o 1896 e o 1903). Hoxe considérase o 17 de decembro de 1903 como a data do primeiro voo do home con motor e controlado: en Kitty Hawk (Carolina do Norte, EE UU), os irmáns Orville e Wilbur Wright fixeron catro voos co avión “Flyer I”, deseñado e construído por eles mesmos. Non foi ata o 1906 cando Alberto Santos-Dumont, brasileiro residente en París, foi quen de conseguir o primeiro voo dun aparello europeo máis pesado ca o aire, provisto dun motor. No 1908 Henri Farman, pilotando un avión Voisin, completou o primeiro voo nun circuíto pechado de 1 km. Neste mesmo ano introduciuse a aviación na Península Ibérica da man da Asociación de Locomoción Aérea, constituída en Barcelona. Louis Blériot, o 25 de xullo de 1909, voou dende Calais a Dover por riba do canal da Mancha. En Francia popularizouse o motor rotativo arrefecido por aire denominado Gnôme, creado polos irmáns Louis e Laurent Seguin. No 1910 Hubert Latham subiu por vez primeira ata 1.000 m de altitude. O primeiro hidroavión práctico foi construído en 1912 polo americano Glenn Hammond Curtiss. Hugo Junkers en Alemaña asentou os fundamentos dos modernos avións de transporte. No 1913, Marcel Brindejonc des Moulinais viaxou dende París ata Estocolmo e Roland Garros atravesou o Mediterráneo dende San Rafael (Provenza) ata Bizerta (Tunicia). Coa Primeira Guerra Mundial, o progreso da aviación sufriu retrasos por necesidades militares. Albert C. Read atravesou o Atlántico no 1919 por vez primeira facendo o voo Terranova-Açores-Lisboa, e John Alcock e Arthur Brown voaron dende Terranova ata Irlanda. No ano 1922 os pilotos portugueses Gago Coutinho e Sacadura Cabral enlazaron Lisboa con Río de Xaneiro. No 1924 Georges Pelletier-Doisy fixo un voo París-Toquio. No 1926, Richard Evelyn Byrd voou por vez primeira sobre o Polo Norte. En 1926, o galego Ramón Franco, xunto con Ruiz de Alda, Durán e Rada efectuaron a travesía Palos de Moguer- Bos Aires, a bordo do hidroavión Plus Ultra. No 1927 os franceses Charles Nungesser e François Coli perdéronse no mar cando tentaban atravesar o Atlántico sen escalas, feito que foi acadado polo americano Charles Lindberg, que aterrou en París procedente de Nova York despois de 33 horas e 30 minutos de voo solitario no “Spirit of St. Louis”. Pouco despois, os franceses Dieudonné Costes e Joseph Le Brix enlazaron Saint-Louis (Senegal) con Natal (Brasil). No 1933 despegou o primeiro avión de transporte realmente moderno, o Boeing B-247; pouco despois tamén o fixo o Douglas DC-1, primeiro dunha famosa familia de avións. Europa mantiña a tradición do avión trimotor, coa á atirantada, tren de aterraxe fixo e de estrutura de tubo de aceiro, segundo as ideas de Fokker, ou ben seguía o criterio de Junkers a base de chapa ondulada amodo de recubrimento. Os construtores americanos crearon a configuración de á baixa, bimotor e tren de aterraxe repregable. Coa Segunda Guerra Mundial desenvolvéronse os caza-bombardeiros. Ademais das melloras técnicas dos motores de hélices, cómpre sinalar a aparición dos avións a reacción. O nacemento da propulsión por reacción permitiu chegar a velocidades supersónicas. Nos EE UU, no 1947, o avión-foguete Bell X-1 tripulado por Charles Yeager traspasou por primeira vez en voo horizontal a barreira do son. No ano 1949 voou tamén por vez primeira un avión de transporte comercial a reacción, o De Havilland Comet 1, que entrou en servizo no 1952 na liña Londres-Xohanesburgo. No 1953 foi posto en servizo na Gran Bretaña o Vickers Viscount, o primeiro avión de transporte comercial propulsado por turbohélices. Os accidentes sufridos polos Comet déronlle vantaxe aos construtores americanos a partir do 1958, con dous aparellos: o Boeing B-707 e o Douglas DC-8. Na Unión Soviética entrou en servizo no 1956 o Tupolev Tu-104, e para a liña Moscova-Vladivostok, o Tupolev Tu-114, o avión de transporte comercial máis grande do mundo. Os franceses elaboraron o Caravelle, cunha fórmula construtiva revolucionaria que acadou grande éxito. Outros fabricantes lanzaron modelos similares, como o Douglas DC-9. Construíronse tamén avións de moita capacidade como por exemplo o Boeing 747, o “jumbo”, que foi presentado no 1970. No 1971 saíu ao mercado o DC-10 con capacidade para 375 persoas e un ano despois o L-1011 Tristar, que foi quen de levar 400 pasaxeiros. Todos eles mantéñense a velocidades subsónicas, aspecto que quedou superado coa aparición no 1976 do Concorde, aparello franco-británico capaz de transportar cen pasaxeiros a 2.200 km/h. O Tupolev 144 foi retirado de servicio no 1979, por mor de diversos fracasos. O airbus, avión comercial construído por un consorcio europeo, comezou a voar no 1972 e entrou en servizo no 1974. A partir da década de 1970 recibiu un gran pulo a aviación de terceiro nivel, destinada a cubrir as necesidades en distancias medias (300-700 km, ou mesmo inferiores), que deu lugar á aparición dos avións STOL, de capacidade media (40-80 prazas) e de tripulación reducida (1-2 persoas). Acostuman ser avións de á alta, como o xa clásico Fokker F-27, substituído polo F-28 (reactor) e os BAE -146, ATR-42, ou máis pequenos aínda (25-40 prazas), como os Twin-Otter ou o Bandeirante. Por outra banda, apareceron os avións de negocios, bimotores de hélice ou birreactores, capaces de transportar de 6 a 12 persoas a distancias de 1.000 a 2.500 km. Destacan os Mystère, o Falcon, o Falcon-900 e os BAE 125-800. O último grande éxito da Aeronáutica moderna foi a lanzadeira espacial Columbia, concebida como unha mestura de avión e foguete reutilizable, pensada para o transporte de persoas ao espazo e publicitadas como menos gravosas economicamente ca os foguetes tradicionais.
-
aviación comercial /
[AERON/TRANSP]
Industria de transporte aéreo encargada de cubrir as liñas de pasaxeiros e mercadorías. Este sector está formado por un número indeterminado de compañías e as máis importantes están rexistradas na Asociación do Transporte Aéreo Internacional (IATA). Cara á fin da década de 1950 produciuse unha carreira de beneficios crecente ata o 1970, pero no 1973 entrouse nunha situación de crise por mor do encarecemento dos combustibles (crise do petróleo). A partir do 1980 as compañías asociadas á IATA coñeceron graves perdas económicas. Esta situación produciu multitude de “guerras de tarifas”. Por riba, o incremento dos voos fretados (charter), que cobren o 50% do tráfico interior, obrigou ás compañías regulares a crear unhas tarifas especiais para nenos, xubilados, vacacións, etc, o que non fixo máis que agravar a crise económica. Cómpre remarcar, sen embargo, a diferenza entre as compañías americanas, que son propiedade de grupos privados, e as europeas, a maioría delas son dos diferentes estados (compañías de bandeira) se ben existe unha tendencia moi acusada tendente á súa progresiva privatización.
-
aviación militar /
[AERON/BÉL]
Tecnoloxías e innovacións da Areonáutica aplicadas aos conflitos bélicos. As primeiras aplicacións militares da aviación tiveron lugar no N de África durante a guerra de Italia contra Turquía polo control de Libia (1911-1912). No 1913 empregouse na campaña de España en Marrocos. A Primeira Guerra Mundial deu un forte impulso á aviación militar. Poucos días despois de comezar a guerra, un avión francés Voisin fixo o primeiro bombardeo. A finais do 1914, en Francia e en Rusia organizouse a aviación de bombardeo. A partir do 1915 Gran Bretaña fabricou avións de gran calidade para as forzas aéreas. O motor lineal de cilindros en V, desenvolvido paralelamente en Alemaña e na Gran Bretaña pouco antes da Segunda Guerra Mundial, deu lugar aos mellores aparellos de caza da época: o Messerschmitt Me-109, o Spitfire e o Hurricane. Nos EE UU xurdiu o bombardeiro cuadrimotor de gran radio de acción, rápido pero con pouca carga de bombas. Os alemáns fabricaron avións lixeiros de pequeno radio de acción. O Xapón, ao entrar na guerra, dispuña de avións claramente superiores a todos os que se lle opuxeron. Durante a guerra apareceu o avión a reacción. O primeiro voo do Heinkel He-280, con motor Hurt, tivo lugar no 1941, en Alemaña. A Gran Bretaña construíu o Gloster E-28/39, propulsado por un motor Whittle. O Messerschmitt Me-262 alemán foi o primeiro caza a reacción. Os británicos crearon o caza Gloster Meteor. O primeiro voo dun avión-foguete, o DSF 194, tivo lugar no 1940 en Pomerania; del xurdiu o Messerschmitt Me-163, que foi o primeiro avión que sobrepasou os 1.000 km/h. Na Guerra de Corea asistiuse por vez primeira a un combate aéreo entre avións a reacción. Desta época son os primeiros cazas coa á en frecha: o MiG-15 da URSS e o North American F-86 “Sabre” nos EE UU. Eran aínda avións subsónicos e o armamento constaba de canóns e metralladoras. A substitución dos avións de motor alternativo por aparellos a reacción tivo lugar na década 1950-1960. A partir do 1956 entraron en servizo os primeiros cazas supersónicos, e no 1959 voou o primeiro bombardeiro supersónico fabricado en serie, o Convair B-58 “Hustler”. Da década de 1980 cómpre destacar o F-16 e o F-18 dos EE UU, os Mirage 2.000 e 4.000 franceses, o Tornado (proxecto intereuropeo), o Sea Harrier británico e os MiG 23 e 25 soviéticos. Dúas innovacións futuristas son o bombardeiro americano B-1 e o soviético “Backfire”, ambos os dous supersónicos.
-
s
f
[AERON]
-
s
f
[TRANSP/BÉL]
Dotación de avións e instalacións complementarias, dun estado, dunha compañía, etc. Pódese diferenciar a aviación civil, dedicada principalmente ao transporte de persoas e mercadorías e que adoita estar en mans de compañías privadas, da aviación militar, dedicada a misións de carácter bélico e controlada polos gobernos.