B
-
[FÍS]
Símbolo da densidade de fluxo magnético, chamada tamén indución magnética.
-
[FÍS]
Símbolo da susceptancia dun circuíto de corrente alterna.
-
[FÍS]
Letra que designa a segunda das liñas de Fraunhofer, a de lonxitude de onda 6.869 Å.
-
[FISIOL]
Un dos grupos sanguíneos do sistema AB0 (AB cero). Os individuos do grupo B presentan eritrocitos con aglutinóxeno B, e plasma con aglutinina a (anti-A). En principio poden recibir sangue dos individuos dos grupos B e 0, e poden doárllelo aos dos grupos B e AB.
-
[LIT]
Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa.
-
[MAR]
Nome dunha bandeira de sinalización mariñeira. Izada soa significa que se está cargando, descargando ou transportando mercadorías perigosas.
-
[METROL]
Símbolo do bel.
-
[MÚS]
Segundo elemento da notación alfabética, en letras latinas, que corresponde actualmente ao si bemol en Alemaña, onde o si natural se representa por un H, e que corresponde ao si natural nos países anglófonos.
-
[QUÍM]
Símbolo do boro.
-
[TRANSP]
-
Sigla de Barcelona na placa de matrícula.
-
Sigla de Bélxica na placa de estado.
-
-
[XEOL]
Letra que designa nos solos o horizonte de acumulación. Está enriquecido en humus, ferro, arxila ou calcio debido ás achegas de auga descendente que se infiltra despois de atravesar o horizonte A, no proceso de lixiviación.
-
complexo vitamínico B
[BIOL]
Complexo vitamínico descuberto por Casimiro Funk no ano 1911 na vaíña do arroz. Nun primeiro momento foi considerado como unha soa vitamina hidrosoluble e activa contra o beri-beri, denominada daquela vitamina B. Despois distinguíronse diversas substancias que teñen accións fisiolóxicas diferentes, ás veces máis ou menos relacionadas entre elas. Son especialmente importantes a vitamina B 1 , aneurina ou tiamina, a vitamina B 2 , lactoflavina ou riboflavina, a vitamina B 6 , adermina ou piridoxina, as distintas vitaminas B 12 ou cobalaminas, o ácido pantoténico, o ácido p-aminobenzoico, o ácido fólico e incluso a biotina ou vitamina H e a nicotinamida ou vitamina PP.
-
vitamina B
[BIOL]
Denominación que engloba o complexo vitamínico B.