Banco de Santander
Entidade bancaria constituída no 1857 en Santander e reconstituída no 1875 co mesmo nome, ao integrarse a anterior sociedade no Banco de España e perder o privilexio de emisión de moeda (1874). Mantívose como entidade local ata despois da Guerra Civil española, momento no que comezou unha enorme expansión. A base do seu crecemento foi a dun banco comercial, pero adoptou ao mesmo tempo participacións en empresas industriais e de servicios. Aproveitando a crise financeira da década dos sesenta iniciou a súa política expansiva por Galicia no ano 1967 cando absorbeu a Banca Cid e posteriormente en 1968 cando comprou o Banco Jáudenes Bárcena. No ano 1994 adquiriu en poxa o Banco Español de Crédito, logo de que este fose intervido polo Banco de España, converténdose no primeiro grupo bancario español. No 1997 adquiriu tamén o Banco Noroeste do Brasil. Fusionouse en 1998 co Banco Central Hispano dando orixe ao Banco Santander Central Hispano (BSCH).