Banda de Música Municipal da Coruña

Banda de Música Municipal da Coruña

É a banda municipal galega de máis recente creación. O día 15 de outubro de 1946, ano do pasamento de Manuel de Falla, tomouse o acordo da súa fundación nun pleno do concello coruñés, presidido por Eduardo Ozores Arráiz. Debutou a banda o día 26 de xullo de 1948, baixo a batuta de seu primeiro director, Rodrigo A. de Santiago, quen anos despois dirixiu a Municipal de Madrid. A presentación en público tivo lugar sendo alcalde Alfonso Molina Brandao. A posta en marcha deste prestixioso colectivo foi especialmente promovida por Antonio López Prado, entón concelleiro da Coruña. Nos seus comezos, a banda coruñesa tivo que ser nutrida de músicos procedentes de diversas bandas populares. Non tardou en convocarse un concurso-oposición para que cada unha das prazas chegase a ser cuberta por persoal titulado. Así se explica a súa rápida categoría, xa que todos os seus compoñentes son funcionarios de carreira. No ano 1967 tomou a batuta Roxelio Groba, que adoptou a modalidade do concerto comentado, que semanalmente ofrece no Teatro Rosalía de Castro. Con Groba realizáronse diversas gravacións, e o grupo transformouse en banda-orquestra. Logo da xubilación de Groba, encargouse da batuta Xosé Ramón Sierra Peña, destacado clarinetista e compositor, para pasar en 1991 a Indalecio Fernández Groba, que con anterioridade fora titular da Banda de Lugo. Dentro do historial da Banda Municipal da Coruña, cómpre recordar a tres personaxes destacados: Sierra, Xosé Coba Garrote e Xesús González de Velasco que desempeñaron o cargo de subdirectores.