Banda de Música Municipal de Lugo
Formación musical que tivo a súa orixe en 1869, cando o Concello de Lugo confiou a súa reorganización e funcionamento a Xoán Montes Capón, quen lle deu profesionalidade, dignidade artística e técnica. Despois desta reorganización, o debut efectuouse en 1875. Non obstante , debido a problemas salariais co Concello, Montes abandonou a banda e dedicouse de cheo ao seu Orfeón Lucense, máis tarde chamado Orfeón Gallego. Foi substituído por Baldomero Latorre Capón, con quen se acadou o I Premio no Certamen Nacional de Bandas de Gijón. Daquela, a banda sostíñase ao abeiro dun padroado, presidido por Ramón Landriz, a quen o colectivo dedicou unha orla o día 31 de agosto de 1904. Logo chegou Benito Patán, que cedeu a batuta a Martí, pianista do Círculo das Artes, con quen a banda se disolveu debido á expulsión do propio director e do músico Antonio Otero Malacriatura, por parte do alcalde Ánxel López Pérez. Un ano despois o alcalde encargou a reorganización a Ricardo Dorado, pero debido á súa situación de carácter meramente transitorio, a crise superouse co tudense Xoán González Páramos, que viña de dirixir a banda de Mondariz-Balneario, moi protexida por Peinador. En 1923 Páramos xubilouse e fíxose cargo da batuta Manuel Sariñena, procedente de Aragón, autor de importantes obras como Bocetos Sinfónicos, estreada máis tarde en Lugo pola orquestra sinfónica do mestre Arbós. Sariñena adquiriu un gran peso como persoa e como artista e foi o primeiro en utilizar a gaita de fol na banda, moda que máis tarde copiará o ribadense Álvarez Cancio nas bandas militares. O seu prestixio cambaleou cando se implicou nun asunto político que lle orixinou un serio expediente con perda de destino, seguido dunha pena de dous anos de cárcere. A consecuencia disto, Lugo quedou sen banda; só existía a da Falanxe, dirixida por Emilio Carricoba. En 1939 chegou á alcaldía Manuel Portela Nogueira e reorganizou a banda, rehabilitando a Sariñena na dirección. Este, en recoñecemento, adicoulle o pasodobre Manoliño. En 1943 trasladouse a Zaragoza para dirixir a orquestra sinfónica, provocando unha etapa -non curta- de inestabilidade nos directores da banda. Francisco Méndez Rodríguez, que con Sariñena ocupou a subdirección, asumiu a batuta, que en reiteradas ocasións entregou a titulares foráneos. A finais de 1957 apareceu o director Moya, pero pronto renunciou á praza. Outros directores nin sequera chegaron a tomar posesión, e algún permaneceu un curto tempo, como foi o caso de Xesús Pérez Rivas. A banda continuou a ritmo ordinario con Méndez, que foi director con carácter definitivo ata a súa xubilación (1977). Foi substituído por Camilo Rodríguez, quen entregou a batuta a Indalecio Fernández Groba en 1979, quen durante doce anos transformou a banda e creou unha banda xuvenil, canteira da titular. A escola de Groba elevou a banda luguesa a un alto nivel artístico e técnico, que decaeu cando este se trasladou á Coruña para dirixir a súa banda municipal. A chegada a Lugo de Rosendo Ivorra marcou o inicio de moitas crises que a banda tivo que soportar.