Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela
Agrupación musical fundada no ano 1849 que contou con importantes directores ao longo da súa historia, como foron Francisco Martínez e Juan Mª López, entre outros, que a dirixiron ata 1930. A partir desta data fixéronse cargo Ignacio Rodríguez, Ricardo Fernández, Bernardo del Río Parada, José Gotérriz Rambla e Moisés Davia Soriano. No seu centenario, foi nomeado director de honra o catedrático de Composición Julio Gómez e ata 1967 foi dirixida polo musicólogo Echevarría Bravo, ano en que se fixo cargo da banda Amador José Santos Bartolomé. Dende 1993 a banda conta cunha xerencia, da man de Guillermo Pérez Barredo, que supuxo un grande avance para a dignificación deste colectivo, figurando na programación do Teatro Principal e dotándoa dun instrumental de primeira categoría. A agrupación conta con 39 compoñentes, entre os que se inclúe o profesor titular, Santos Bartolomé, autor de diversas obras para banda. A súa actividade estivo pendente ao longo da súa historia da vida socio-cultural de Compostela, ofrecendo concertos públicos, participando en numerosos actos organizados polo concello e intervindo nos concertos didácticos nos que toman parte rapaces dos colexios da cidade e da bisbarra, realizando así un importante labor de difusión da cultura musical. Para a celebración do seu 150 aniversario de actividade sen interrupción, organizáronse concertos coa participación das Bandas da Coruña e Lalín, o Orfeón Terra a Nosa, a Coral Compostelana e a gravación do seu primeiro disco (1999).