Banda de Música Unión de Guláns
Agrupación musical fundada en 1870 Guláns (Ponteareas). O seu fundador e primeiro director foi Xosé Carracedo Domínguez. Por tradición familiar o seu fillo Constante e despois o seu neto Xosé, sucedérono como directores, mantendo viva esta formación ata 1947. Da Escola de Música da Unión de Guláns, así como da participación na banda, xurdiron recoñecidos músicos, tanto a nivel instrumentista como directores e compositores. A xeito de exemplo pódese citar a Roxelio Groba Groba, director da banda de 1947 a 1952 e posteriormente director da Banda de Música Municipal da Coruña durante máis de vinte anos. Despois de 1952 a ata 1959, foron igualmente importantes as participacións dos directores Miguel Groba Groba e Indalecio Fernández. A partir de 1959 levaron a súa dirección Antonio Baquero, Francisco Rodríguez, José Fariñas e Rogelio Loureda, para en 1968 facerse cargo da batuta Xosé Carracedo Pousada, con quen a banda foi galardoada no Concurso de Bandas Populares de Ourense (1971). Logo sucedéronse Javier Basoco, Plácido Lorenzo, Xosé Aradas, Alfonso Méndez, Xosé Guillén e Xosé Oro-Val, ata 1982. Nesta ano asumirá a dirección Xosé Fernández Prego e en 1991 Hipólito Fernández Fernández, quen durante os últimos anos alterna a batuta desta agrupación, constituída por 50 compoñentes, con Alicia Porto.