Banda de Música Municipal de Ourense
En 1883 creouse na cidade de Ourense unha orquestra da que foi o seu fundador e director Enrique Fernández Fernández, acólito da Catedral de Ourense. No ano 1897 cos compoñentes desta orquestra e outros músicos que proviñan de numerosas bandas populares, formouse a Banda Municipal de Música, dirixida por Enrique Fernández. Posteriormente, fíxose cargo da formación un director coñecido polo pseudónimo de Trepedas e a principios de século Xosé Millán, substituído por Ricardo Courtier. En 1923 o cargo recaeu en Xoán Iglesias Bragado ata 1955, sendo o seu sucesor Javier García Basoco ata 1966. Será Segismundo Fernández Feijóo quen ocupe o cargo ata 1969, cando foi nomeado Julián Pinilla López. De 1977 a 1979 foi novamente director Fernández Feijóo, relevado por Ángel García Basoco. En 1985 volveu Fernández Feijóo á banda e en 1989 foi elixido José Domínguez Seoane; en 1990 Nicanor Domínguez Cid, substituído por José Vicente Simeó Máñez. Na actualidade o seu director é Francisco Pérez Rodríguez.