Bande, San Pedro de
Bande, San Pedro de
Situado no concello de Bande, foi un dos tres priorados beneditinos que xa en data moi temperá pasaron a formar parte do mosteiro de Celanova, pois foi obxecto de doazón polo Rei Ramiro II ao cenobio ourensán o día 18 de marzo do 949. Dende ese momento, o abade de Celanova adquiriu o título de conde de Bande. A actual igrexa parroquial é de estilo barroco e terminou de edificarse en 1795. Consta dunha nave con cruceiro marcado en planta e dunha capela maior. No exterior semella unha fortaleza.