Bande, Santa Comba de

Bande, Santa Comba de

Cenobio situado no concello de Bande. Aínda que non se conserva a súa acta fundacional, a súa creación fíxase ao redor do s VII. Así mesmo, grazas a un diploma do ano 982 conservado no tombo de Celanova tense coñecemento de que o monxe Odoino doara o mosteiro de Bande ao de Celanova; nese mesmo documento recordábase a restauración que se fixera da súa igrexa grazas a unha encomenda feita no 872 polo Rei Afonso III, quen encargara a Odoario a repoboación das terras bañadas polos ríos Limia e Támega. Tratábase dun mosteiro dúplice, con dous edificios separados para homes e mulleres, e cunha igrexa común para os servicios relixiosos e o culto de ambas as dúas comunidades, única estrutura arquitectónica conservada. Acolleu os restos de san Torcado, primeiro bispo de Guadix e discípulo do Apóstolo Santiago traído a Bande cando ao comezo da presenza musulmá no sur da Península Ibérica, ata que foron trasladados en 1601 ao mosteiro de San Salvador de Celanova. O templo presenta unha planta de cruz grega prolongada no presbiterio e no pórtico de entrada. Tiña unha serie de cámaras laterais, das que se conserva soamente a do noroeste, quedando a cruz inscrita nun rectángulo. Un arco triunfal de ferradura comunica a nave co presbiterio. A nave cóbrese con bóveda de canón sobre arco de ferradura e o cruceiro, rematado nun pequeno ciborio, con bóveda de aresta, ambas as dúas feitas con tixolo romano. As ventás son de arco de ferradura. Conserva restos pitóricos murais do s XVI. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1912.