bandeira
(< gót bandwo ‘signo, estandarte’)
-
s
f
-
Anaco de tea, habitualmente rectangular, fixado por un lado a un pau ou hasta e que serve como símbolo ou insignia dunha nación, estado, cidade, dinastía, autoridade, partido, asociación, etc, ou como un signo para identificar situacións xurídicas, militares, técnicas, etc. A bandeira ten unha orixe relativamente recente nos países occidentais (s XII), pero o seu uso está relacionado co estandarte, co pendón e con outras insignias de moita tradición, que serviron para indicar a presenza dun alto cargo ou para identificar os partidos amigos e inimigos na guerra. Os antigos faraóns, por exemplo, facíanse preceder de catro estandartes sagrados, e a aguia era a insignia das lexións romanas. Sobre os outros distintivos, a bandeira ten a vantaxe de ser identificable a unha gran distancia, porque ondea vistosamente, despregada polo vento o polo movemento de quen a porta. Seguramente foron os chineses os primeiros en empregala. Existe constancia de que foi utilizada mil anos antes da era cristiá. Logo o seu uso estendeuse ao sueste asiático e á India, de onde pasou á área de influencia musulmana; alí preferíronse as bandeiras de cor uniforme: a dinastía abbásida (s VIII) adoptou o negro, cor da vinganza; a omeia, o branco; os karigitas, o vermello e a dinastía fatimita, o verde, que se converteu no símbolo do Islam. As bandeiras islámicas actuais usan xeralmente as catro cores mencionadas. Os cruzados difundiron o uso de bandeiras entre os pobos cristiáns, xeralmente inspiradas no símbolo da cruz, iniciando unha tradición que se conserva nalgunhas bandeiras nacionais como a danesa, a inglesa, a escocesa, a vasca ou a suíza. Outras, como a catalana, baseáronse na simboloxía do escudo do rei ou señor. A bandeira esixía unha certa simplicidade de deseño, e a miúdo consistía só nas cores principais do correspondente escudo, dispostas en faixas horizontais. Foron excepcións desta norma as bandeiras de Liechtenstein, San Marino e a papal. Durante a Idade Media e ata o s XVIII, a bandeira foi o distintivo de dinastías, autoridades, cidades e corpos militares, e non adoitaban ser bandeiras nacionais, símbolos dun pobo, aínda que algunhas, como a suíza (empregada dende 1339 e oficial dende 1848) ou a inglesa, xa foron usadas neste sentido. De feito, a xeneralización do uso das bandeiras como símbolo de nacións (ceibes ou irredentas) data de fins do s XVIII, a partir principalmente da independencia norteamericana e da Revolución Francesa. O modelo francés de tres cores (non necesariamente as mesmas) converteuse en símbolo das ideas liberais, determinando, entre outras, as bandeiras de Bélxica, Hungría e Alemaña. En España, baixo o dominio dos primeiros Borbóns, os navíos da armada levaban o pavillón branco, propio da casa real; este feito motivaba perigosas confusións, xa que a mesma dinastía reinaba en cinco estados. Por este motivo Carlos III, no ano 1785 e logo dun concurso de deseños, implantou para a mariña real un pavillón formado por tres faixas horizontais, vermellas a primeira e a terceira, e amarela dourada e de dobre anchura a central. No ano 1843, a bandeira da mariña converteuse na oficial do estado español, agás durante a Segunda República, que adoptou a bandeira tricolor, con tres faixas horizontais da mesma anchura: vermella, amarela e morada, como lembranza do suposto distintivo dos comuneiros de Castela. Trala Guerra Civil, o goberno franquista decidiu restituír o modelo tradicional vermello e amarelo, incluíndo no centro o escudo coa aguia imperial. Posteriormente, trala promulgación da Constitución de 1978, mantívose o modelo bicolor e co escudo borbónico. A orixe da bandeira galega remóntase ao s XVII, de cor branca tiña o copón amarelo no centro, rodeado de seis cruces recortadas. Unha bandeira destas características foi empregada polo Batallón Literario durante a Guerra de Independencia. Cara ao final do s XIX e comezos do s XX no seo do movemento rexionalista engadíuselle unha faixa de cor azul. A orixe desta innovación atópase na bandeira da Comandancia de Mariña da Coruña. Despois foi adoptada polos emigrantes en América e por último en Galicia. Esta bandeira foi utilizada polas Irmandades da Fala (1917) e polo Partido Galeguista (1931), empregándose durante a II República. O Anteproxecto de Estatuto de Autonomía foi a primeira tentativa de converter esta bandeira en oficial, feito que se acadou no Estatuto de Autonomía de 1981. O artigo 6 sinala que a bandeira de Galicia é branca cunha banda diagonal de cor azul que atravesa desde o ángulo superior esquerdo ao inferior dereito. A banda acostuma ser dunha cor azul celeste subido ou cobalto claro. A Lei de Símbolos de Galicia (1984) engade que deberá levar o escudo oficial cando ondee nos edificios públicos e nos actos oficiais da Comunidade Autónoma, o escudo ten que ir no centro da bandeira e a súa altura é igual á metade do ancho da bandeira. A bandeira ten tres módulos de longo por dous de ancho. Así mesmo, cada Comunidade Autónoma ten a súa bandeira que a representa, que seguen modelos ben diferentes: Asturias, Madrid, Murcia, Navarra e Melilla son dunha única cor; Aragón, Illes Balears, Catalunya e a Comunitat Valenciana seguen o modelo tradicional catalano-aragonés de varias faixas amarelas e vermellas; as restantes comunidades empregan distintas cores na composición das súas bandeiras aínda que difiren na disposición. Ademais das cores e das disposicións xerais das faixas, as bandeiras incorporan símbolos de deseño máis ou menos complexos, xeralmente omitidos nas versións simplificadas. O escudo heráldico, por exemplo, incorporouse ás bandeiras de España, Andorra ou Portugal. Ás veces incorpórase un grafismo de significado ideolóxico ou relixioso, como a cruz cristiá. A media lúa e a estrela, probablemente de orixe mesopotámica, desenvolvéronse de modo habitual nas bandeiras islámicas. O martelo, a fouce e a estrela, símbolo da unión entre os obreiros e os labregos baixo a dirección do partido comunista, figuran na bandeira soviética. Un disco que representa o Sol, antepasado mítico do emperador, ocupa o centro da milenaria bandeira xaponesa. Os símbolos filosóficos do yin e o yang figuran nas bandeiras de Corea do Sur e Mongolia. A estrela de David, de seis puntas, preside a bandeira de Israel. As cores teñen significados diversos. Nas bandeiras que son unha simple perpetuación dos escudos heráldicos adoitan conservar o seu simbolismo orixinal. Nas máis modernas as cores refírense principalmente a dous grandes grupos de conceptos: as virtudes do pobo e as características materiais da terra. Así o branco significa, xeralmente, paz, pureza, verdade, redención e xustiza; en Nixeria, sen embargo, simboliza a unidade; en Chile, a neve dos Andes; en Islandia, os glaciares; en Paquistán a faixa branca recorda a minoría non musulmana, do mesmo xeito que as dúas faixas brancas da bandeira tailandesa significan o Budismo. Ademais do simbolismo que ten nas bandeiras islámicas, o negro tamén recorda a submisión e as invasións sufridas, como o caso de Afganistán. O vermello simboliza en Bolivia o reino animal; en Islandia, o fogo dos volcáns, pero xeralmente, simboliza o sangue, a independencia, a soberanía, o espírito de sacrificio, o valor e a coraxe. Non obstante , na India, a abnegación e o sacrificio son representados pola cor azafrán que, nas representacións das bandeiras, se confunde co laranxa. A cor laranxa aparece na antiga bandeira de Holanda e nas actuais de Irlanda e da República Sudafricana, en recordo do príncipe de Orange, na de Níxer, onde simboliza o Sol e o deserto, e na de Costa de Marfil, onde simboliza a sabana. O verde, fóra do ámbito islámico, simboliza o reino vexetal, a agricultura e a esperanza; na bandeira india significa a cabaleirosidade e a fe. O amarelo representa o reino mineral, a riqueza e a terra en xeral, así como a luz do Sol e do ecuador, como no caso de Gabón. O azul significa auga en moitos países, como Gabón, pero tamén lembra a noite, o firmamento, a fraternidade, a liberdade e a realeza. As bandeiras oficiais son a miúdo consideradas un símbolo sagrado, protexido por un cerimonial e por normas penais. Existe un protocolo universalmente coñecido con respecto ao cerimonial da bandeira: só se mantén izada diurnamente, de sol a sol; a media hasta é signo de dó. Izar a bandeira nun territorio, en posición preferente, é sinal de soberanía; arriala equivale á rendición ou renuncia. As leis internacionais obrigan os barcos a levar a bandeira do país ao que pertencen. Xeralmente se renden honores a determinadas bandeiras únicas. Como símbolo persoal, a bandeira está vinculada a un cargo ou a unha xerarquía. Teñen bandeira propia os xefes de estado, os membros das familias reais, os altos graos militares e os embaixadores. Como entidades, teñen bandeira o exército e determinadas institucións públicas, as entidades deportivas e bastantes empresas privadas: as compañías navieiras teñen bandeira propia, que ondea nos seus barcos. Igualmente a teñen algunhas compañías aéreas, que a levan pintada nos seus aparatos. Como un sinal visible a distancia, as bandeiras son usadas para indicar posicións en diversos traballos técnicos e como compoñentes de códigos de comunicacións entre os que destaca, como un dos máis extensos, o internacional de sinais marítimos.
Ex: Á porta do edificio do Parlamento de Galicia están izadas as bandeiras galega e española. O día da Patria víronse en Compostela moitas bandeiras que encheron a Quintana.
Confrontacións: estandarte, pavillón, pendón. -
Obxecto que reproduce o anterior en tea, papel ou outro material, empregado con fins diferentes.
-
Pintura ou representación das cores da bandeira en papeis, muros, insignias, tecidos, etc. SIN: pavillón.
Ex: O uniforme da policía autonómica galega leva a bandeira bordada na manga.
Sinónimos: pavillón. -
Nacionalidade á que pertencen os buques mercantes que a portan.
-
-
s
f
Causa ou ideoloxía defendida por alguén.
Ex: Os partidos políticos nacionalistas actuais fan do galeguismo a súa bandeira.
-
s
f
Folla intercalada nun libro de maior dimensión cás outras e, ás veces, tamén doutra calidade, onde se representan debuxos, cadros, estatísticas, etc.
Ex: Estes libros teñen uns bos mapas nas bandeiras.
-
s
f
-
[BÉL]
Unidade militar que segue unha bandeira.
-
[BÉL]
Unidade militar equivalente a un batallón.
-
[HIST/BÉL]
Organización fundamental do exército manchú establecida polo fundador do Imperio, Nurharchi. As bandeiras manchús estaban formadas por compañías, e non agrupaban só a soldados, senón tamén ás súas familias. Despois de dominar China, os manchús crearon tamén as bandeiras chinesas (hanjun), que foron un medio de contacto entre o dominador e o pobo chinés. A bandeira manchú presentaba unha estratificación social: había unha bandeira exterior e unha interior, formada por elementos estreitamente vinculados á aristocracia.
-
[BÉL]
-
s
f
[HIST]
Expedición exploratoria con finalidades económicas, chamada tamén entrada, utilizada polos colonos do Brasil, sobre todo polos de São Paulo, do s XVI ao XVIII. Orixinadas nas accións defensivas contra os ataques indíxenas veciños, dende finais do s XVI tomaron un carácter de cacería de indios feitos escravos para a súa venda nas zonas azucreiras, necesitadas de man de obra, sobre todo Pernambuco. Desde o último terzo do s XVII tamén interveu a atracción dos xacementos auríferos e de diamantes. A influencia das bandeiras traspasou os límites portugueses e foi un medio eficaz de penetración portuguesa polo camiño dos feitos consumados. Os líderes máis famosos foron António Leão, António Raposo Tavares, Fernão Dias Pais, Pedroso Xavier, Bartolomé Bueno, João Faria, Felix de Lima, os irmáns Estevão e Simão Carreira, etc. Os bandeirantes causaron graves perturbacións nas misións dos xesuítas no Paraguai, Moxos e Maynas.
-
s
f
[METEOR]
Nube que se forma a sotavento de certos picos moi altos, como unha bandeira branca, en días de vento forte. Prodúcese por un fenómeno de depresión barométrica local e polo seu arrefriamento posterior.
-
s
f
[TÉXT]
Conxunto de mostras de diferentes debuxos e cores que se tecen nun mesmo anaco de roupa ao confeccionar un catálogo.
-
s
f
[TRANSP]
No antigo taxímetro mecánico, placa exterior visible que cando se baixaba poñía en marcha o mecanismo e cando se subía, mantíñao parado.
-
s
f
[XEOG]
Nunha cova, concreción de forma ondulante.
-
abandonar a bandeira
Desertar da milicia.
Ex: Na Guerra Civil moitos combatentes abandonaron a bandeira.
-
abuso de bandeira
[DER]
Feito de enarborar ilicitamente unha bandeira nun barco.
Ex: Os piratas facían abuso de bandeira sempre que preparaban unha abordaxe.
-
alzar bandeira
Convocar xente de guerra; facerse xefe dunha rebelión, dun movemento de opinión, etc.
-
baixar a bandeira
Retirala ou baixala do mastro.
Ex: Os inimigos baixaron a bandeira ó ver que non tiñan ningunha posibilidade.
-
arriar bandeira
Ceder, deixar de resistir.
Ex: O capitán mandou arriar a bandeira ó chegar a porto.
-
bandeira branca/parlamentaria
Sinal distintivo dos parlamentarios a fin de que sexan tratados como tales polo inimigo, ou que se iza nos barcos en guerra cando teñen intención de negociar a rendición ou o cesamento das hostilidades.
Ex: O barco inimigo izou a bandeira branca antes de entregar as súas armas.
-
bandeira de alianza
[HERÁLD]
Nas representacións heráldicas, bandeira encaixada ao redor dun escudo e que indica o parentesco coa familia da que porta o emblema ou as armas.
-
bandeira de armador
[MAR]
Bandeira que ten o distintivo do armador ou da compañía á que pertence o barco.
-
bandeira de combate
[MAR/BEL]
Bandeira nacional, de medida grande, que os barcos despregan na popa nas grandes solemnidades.
Ex: Por mor da chegada do príncipe á escola Naval de Marín os barcos despregaron a bandeira de combate.
-
bandeira de conveniencia
[MAR/DER]
Denominación que reciben as bandeiras mercantes dalgúns estados cando son usadas, ordinariamente por razóns fiscais, polos barcos pertencentes aos súbditos doutros estados.
-
bandeira de guerra
[BÉL]
Bandeira que identifica o conxunto das forzas armadas dun estado.
-
bandeira de servicio
[MAR]
Bandeira que enarboran entidades, barcos, instalacións, etc, de determinados servicios públicos nalgúns estados, como correos marítimos, sanidade de portos, aduanas, etc, que soe diferenciarse da nacional polo engadido dalgún distintivo característico.
Ex: No porto da Coruña hai unha bandeira de servicio.
-
bandeira de socorro
[MAR]
Posición da bandeira dun país ou estado cando non está izada completamente. Significa petición de auxilio, que hai unha morte a bordo ou que caeu un home á auga.
-
bandeira mercante
[MAR]
Bandeira que enarboran os barcos mercantes como símbolo do país onde son abandeirados. Nalgúns países é distinta á bandeira nacional.
-
bandeira nacional
[MAR]
Bandeira que simboliza unha nación ou un estado, normalmente adoptada dun xeito oficial.
Ex: A bandeira de Francia é branca, vermella e azul.
-
bandeira negra
[HIST]
Bandeira izada para indicar a intención de loitar ata a morte. Foi empregada, por exemplo, polas naves piratas da época moderna e, posteriormente, foi adoptada polo movemento anarquista.
Ex: Os piratas enarboraron a bandeira negra para atacar as naves inglesas.
-
bandeira real
[HIST]
Bandeira que levaba o alférez real ou maior diante do soberano cando el persoalmente comandaba o exército, ou na que figuraban as armas do monarca.
-
bandeira vermella
Bandeira utilizada en sinal de perigo ou como símbolo de loita social.
Ex: Na praia das Catedrais había unha bandeira vermella que indicaba o perigo das fortes ondas.
-
dereito diferencial de bandeira
[DER/ECON]
Antigamente, recargo sobre a tarifa ordinaria da aduana imposta ás mercadorías importadas en barcos estranxeiros. Foi substituída por outros privilexios nos barcos do país: protección á construción, primas á navegación, outorgamento aos barcos construídos no país (ou que teñan a nacionalidade) da exclusiva da navegación e do transporte de cabotaxe.
-
habilitación de bandeira
[DER]
Abandeiramento provisional outorgado no caso da adquisición dun barco estranxeiro, antes de ser matriculado nun porto nacional, coa renuncia previa da propia nacionalidade; o consulado emite un pasavante temporal que autoriza ao barco a levar provisionalmente a bandeira do país.
-
levantar a bandeira
Izala en sinal de respecto e cortesía.
-
plantar a bandeira (nun lugar)
Tomar un lugar, no nome da entidade que representa esa bandeira izada.
-
sala de bandeiras
[BÉL]
Cuarto do cuartel onde se gardan as bandeiras ou os estandartes do corpo.
Ex: O capitán mandou gardar as armas na sala de bandeiras.
-
xura de bandeira
[BÉL]
Práctica tradicional militar coa que os novos membros dunha unidade prometen fidelidade á súa bandeira.
Ex: O outro día fomos á xura de bandeira do meu curmán.
-
Liñaxe que estableceu a súa casa primitiva en Braga, antiga Bracara Augusta e capital do reino sur da Gallaecia, no s V. Relaciónanse tamén con esta estirpe os apelidos Bandeirín e Labandeira. As súas armas levan, en campo de azul, unha bandeira.
Frases feitas
-
Bandeiras despregadas. Abertamente e ao descuberto; con toda liberdade.
-
Mudar de bandeira. Cambiar de partido, de opinión, etc. Ex: Militaba no PSOE pero dende que perdeu as eleccións mudou de bandeira e agora é concelleiro do BNG.
-
Portar a bandeira (nalgunha cousa). Ser o que leva a iniciativa, dirixe ou organiza algo.
-
Portar alta a bandeira. Facer honor a un cargo. Ex: O colexio da miña vila portou alta a bandeira nos campionatos provinciais.
-
Pregar bandeiras. Desistir dunha empresa, renderse logo dunha desfeita. Ex: Quería investir en bolsa pero coas subidas dos últimos días preguei bandeiras.
-
Seguir a bandeira (de alguén). Militar no partido de alguén ou compartir as súas ideas."