Bandeira de España
O artigo 4. 1. da Constitución Española, aprobada en 1978, sinala que a bandeira de España está formada por tres faixas horizontais, vermellas a primeira e a terceira, mentres a central é amarela e de dobre anchura. Foi Carlos III quen no ano 1785 implantou para a mariña real un pavillón que é a actual bandeira de España, en substitución do pavillón branco, propio da casa real, que ostentaban os navíos da armada e era motivo de confusións cos pavillóns doutros países onde reinaban os Borbóns. No ano 1843, a bandeira da mariña converteuse na oficial do Estado, agás durante a II República, que adoptou a bandeira tricolor, con tres faixas horizontais da mesma anchura: vermella, amarela e morada, como lembranza do suposto distintivo dos comuneiros de Castela. Trala Guerra Civil, o goberno franquista decidiu restituír o modelo tradicional vermello e amarelo dourado, incluíndo no centro o escudo coa aguia imperial. A actual bandeira de España foi instituída pola Constitución de 1978. O escudo foi agregado por lei do 5 de outubro de 1981, aínda que retoma o de 1875.