Bandeira

Bandeira
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe dubidosa. Podería proceder dun alcume, xa que na época medieval se atestan documentacións como: “Pelagio Odoariz Bandaeira” (doc ano 1161 en P. García de P. García de Loscertales Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes I, 1976, p 313), “Pelagius Oduarit ditus Mandanaria” (doc ano 1168 en P. García de P. García de Loscertales Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes I, 1976, p 382), “Pelagius Odoarii ditus Bandaneira” (doc ano [s12] en P. García de Loscertales Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes I, 1976, p 328). De ter Bandaeira ou Bandaneira e Mandanaria a mesma orixe, poderiamos estar ante derivados do verbo de orixe xermánica mandjan ‘alegrarse, estar contento’, de maneira que este apelido tería o significado de ‘persoa alegre, que goza’; aínda que é estraño que presente xénero feminino sendo un alcume aplicado a homes. Tamén existe a posibilidade de que este apelido teña orixe nos topónimos A Bandeira, presentes na provincia de Pontevedra. Para explicar a orixe destes topónimos adóitase pensar na existencia no lugar dunha bandeira, pero tamén é posible explicalos a partir dunha falsa segmentación de Lavandeira, interpretando a primeira sílaba como artigo.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe que estableceu a súa casa primitiva en Braga, antiga Bracara Augusta e capital do reino sur da Gallaecia, no s V. Relaciónanse tamén con esta estirpe os apelidos Bandeirín e Labandeira. As súas armas levan, en campo de azul, unha bandeira.