Barca, Nosa Señora da
Santuario mariano situado no concello de Muxía. Trátase dun dos centros de relixiosidade popular máis antigos de Galicia e forma parte do Camiño de Santiago. A lenda cristiá conta como os galaicos lle deron unha mala acollida ás predicacións de Santiago -ó igual que lle acontecera a Andrés en Teixido ou a Patricio en Irlanda- na mítica vila de Duggium (Duio). Como castigo a tal afronta a vila quedou asolagada. Daquela, o desacougado Santiago dirixiuse cara aos cantís de Muxía para reflexionar e alí, á beira do mar bravo da Costa da Morte, recibiu a visita de María, que aínda vivía en Palestina, nunha barca de pedra (como chegara Andrés a Teixido, varios santos a Bretaña e a Irlanda, e como o propio cadáver de Santiago a Iria Flavia) cunha vela tamén pétrea e o temón do mesmo material. A Virxe deulle ánimo comunicándolle o futuro éxito da súa prédica nesta terra galaica e ordenoulle que volvese a Palestina, xa que a súa misión estaba rematada alí. A barca quedou no lugar do desembarco: o casco dise que é a chamada Pedra de abalar e a vela a Pedra dos cadrís. Co tempo, segundo a lenda, atopouse debaixo da Pedra de abalar unha imaxe, tamén de pedra, representando a Virxe. Esta imaxe foi trasladada polos devotos á igrexa parroquial pero, de forma misteriosa, volveu ao lugar onde aparecera (como acontecera coa Virxe do Faro, a da Franqueira e outras bretonas). A tradición popular interpretou que a santa non quería saír de alí e decidiuse erguer neste lugar sagrado un santuario que lle prestase acubillo. En Muxía debeu radicar un dos primeiros cenobios galegos, sendo o santuario da Barca un dos lugares de visita dos peregrinos xacobeos que prolongaban a súa peregrinación a Muxía e a Fisterra. Hoxe en día, séguense mantendo os ritos de abalar a pedra e de pasar por debaixo da Pedra dos cadrís, como noutros lugares de Irlanda. A primeira é unha pedra adiviñadora, do si ou do non (se non abala, a Virxe non concederá o solicitado ou ben un non está en graza de Deus), aínda que tamén serviu para as ordalías -cerimonias probatorias da inocencia ou culpabilidade dun acusado- e serviu de leito para os antigos ritos fecundatorios dos matrimonios estériles. A segunda das pedras é a dos poderes curativos: pasan por debaixo dela os enfermos de reuma, riles e lumbago. A devoción popular en Galicia por esta Virxe é moi extensa, pois a ela acoden romeiros galegos de todas partes, labregos e mariñeiros, nunha tradición que se remonta ao século XIV. A grande afluencia de romeiros levou a fundar en 1726 un convento de Trinitarios para o seu aloxamento. É tradicional que nos días de romería os romeiros danzen sobre a pedra de abalar e, se esta se move, considérase que a Virxe concede o desexo que se pediu. No ano 1978 a pedra escorreu do seu lugar e quedou encaixada noutras. O 15 de agosto de 1947 a igrexa coroou á Nosa Señora da Barca. O templo, de estilo barroco, é do s XVII; no seu interior salienta o retablo dos misterios do Rosario, obra de Miguel de Romay, e os sepulcros dos condes de Maceda, financeiros das obras do santuario. No noso folclore transmítese oralmente o cancioneiro da Barca. Todos estes poemas están en lingua galega; en cambio, o Himno litúrxico á Virxe está en castelán. A lenda dunha barca de pedra que chega por mar cun personaxe para auxiliar a outro ten tantos paralelismos noutros lugares (Galicia, Bretaña, Irlanda), que polo xeral se considera reelaboración de lendas anteriores ao Cristianismo e cristianización de antiquísimos cultos litolátricos. Na iconografía represéntase ao apóstolo Santiago, vestido de peregrino, axeonllado perante unha barca mariña que no seu interior leva un anxo sostendo sobre os seus ombros a imaxe da Virxe co Neno no colo, mentres que María leva na man esquerda un cetro (símbolo da realeza). Na proa da barca reman dous anxos e fai de temoeiro o arcanxo san Miguel. Nosa Señora da Barca é patroa de Muxía e celébrase o segundo domingo de setembro, entre os días 7 e 15. Na tradición oral recóllense numerosas cantigas que reflicten a devoción popular pola Virxe da Barca: “Veño da Virxe da Barca / veño de abana-la pedra / tamén veño de vos ver / Santo Cristo de Fisterra”, “Nosa Señora da Barca / ten a porta cara ao mar, /un pouquiño máis abaixo / ten a pedra de abalar”, “Nosa Señora da Barca / alá vai pola ribeira / collendo conchiñas de ouro / meténdoas na faltriqueira”, “Adiós á Virxen da Barca / adiós vila de Musía / cando m’hei despedir / desa boa romaría”.