Barca

Barca
[ONOM]

Prenome e apelido galego. Etimoloxicamente, a voz barca comeza a rexistrarse no latín tardío. Segundo algúns investigadores trátase dunha palabra hispánica, quizais ibérica, aínda que axiña se espallou a outras linguas. Posiblemente significase ‘caixón, artesa’ e dela deriva a palabra barco. De feito, antes de que se construísen as pontes, os ríos pasábanse en barcas de remo e en barcos (especie de balsas). Como apelido ten unha orixe toponímica (Ponte da Barca). O nome de lugar fai referencia a un paso nunha corrente de auga onde había unha barca para atravesar. Unha variante deste apelido é Dabarca, onde se conservou a preposición indicativa de orixe ou residencia. A forma con preposición documéntase no s XV: “Alvaro da Barca” (doc ano 1474 en E. Rivas Quintas Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 524). No caso deste último apelido, non hai que descartar a posibilidade de que a súa orixe estivese nun alcume, xa que podería facer referencia a un individuo que tiña por oficio ser barqueiro e que, polo tanto, posuía unha barca: ‘fulano o da barca’. Barca é o nome, ademais, dunha advocación mariana galega: Nosa Señora da Barca.